Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Solar: "O cruceiro polo Mediterráneo foi a primeira viaxe familiar"

"Xa non é o destino. Para min o verán é unha actitude, un estado de ánimo que che permita gozar das pequenas cousas"

María Solar a bordo do cruceiro polo Mediterráneo no verán de 2012.

María Solar (Santiago de Compostela, 1970) é escritora, presentadora e xornalista. A autora dunha das obras revelación deste ano, "Os nenos da varíola" goza viaxando soa, pero sempre prefire coñecer sitios novos e compartir os bos momentos da vida en compañía. Nesta ocasión, relata como foi o seu verán predilecto, fai cinco anos, cando se embarcou -nunca mellor dito- nun cruceiro polo mar Mediterráneo xunto coa súa familia. "Custoume escoller, pero ao final elixín este verán non porque fose espectacular, senón porque para min foi moi especial", relata.

"Foi a primeira viaxe de verdade en familia, porque os meus fillos xa eran máis maiores e así gozas do verán con eles", indica Solar. "No 2012 o meu neno pequeno xa tiña tres anos, e xa entendía as cousas que pasan o seu redor. Polo tanto, digamos que fixemos a primeira viaxe na que todos se decatan de todo, xa que antes Martín era un bebé e non se daba conta de nada", afirma entre risas Solar.

Xunto co seu marido Luis e os seus fillos Aldara (daquela con 13 anos) e Martín (3 anos), saborearon os recunchos máis espectaculares do Mediterráneo. "Fixemos o cruceiro pensando nos nenos. Primeiro fomos a Tunisia. Logo subimos por Italia, pasamos por Nápoles e fomos a Pompeia", destaca a escritora. Precisamente, fala de Pompeia como un dos lugares máis marabillosos que recorda. "Pompeia para min, foi máxico, vale a pena todo. Cremos que somos os máis modernos do universo, e que ti sentes cousas que os demais non senten, ou que vives dunha maneira diferente, e en realidade os romanos xa eran modernísimos. Cheguei alí e asombreime con como tiñan todo de organizado. Pareceume asombroso", destaca.

A beleza de Pompeia impresionou a escritora. E xusto alí, ás portas da vella cidade romana probou a pizza máis rica da súa vida "para iso din que se inventou na zona de Nápoles. É outro motivo para volver algún día". A viaxe continuou despois por Italia e lpor unha pequena vila pesqueira agochada no departamento dos Alpes Marítimos ."Fomos tamén a Roma, a Florencia, a Pisa e logo paramos nunha vila de "ricos" (ríase) en Francia, que se chama Villefranche, que estaba ao ladiño de Mónaco. Era esa clase de sitios que son moi bonitos para pasear e para facer turismo, pero nos que nunca viviría", indica.

A familia de Solar acudiu ao Cruceiro "con moitas ganas de pasalo ben todos xuntos". Precisamente, a súa vontade de gozar das vacacións e aproveitar cada momento foi a filosofía elemental daquela viaxe. "Foi moi divertido. Un cruceiro é primeiro unha proba para os nervios. Tes que saber que vas ter colas para todo, para subir, para baixar? ", apunta Solar, antes de engadir "sempre pensei unha cousa que manteño. As vacacións non son unha viaxe ou un destino, son un estado de ánimo. O verán é unha actitude que che permita gozar das pequenas cousas. Se vas a un cruceiro podes chegar a saturarte, case peor que se estás na casa. E como isto en calquera viaxe", explica.

Sen dúbida, foi un cruceiro marcado pola enerxía e polas anécdotas. Solar recorda como o seu pequeno embobábase vendo as ondas do mar. "Martín xa entendía e dábase conta das cousas, por tanto foi moi entrañable. Recordo que tiñamos unha tele no barco que emitía películas, debuxos e demais. Nunha das canles víase simplemente a popa do barco. Non había paisaxes e de feito se non entrabas ou saías dun porto era sempre o mesmo. O neno poñía a tele sempre con esta canle, podía tirar horas así", relata Solar, e engade que "chegou un momento que me daba "yuyu", e pensei ¿Que fai este rapaz e por que non ve outra cousa? ¿Como é posible que este así tantas horas? Cada vez que entraba no camarote, o tío estaba alí mirando e mirando o mar, que case daba mal rollo como a peli de Poltergeist", explica a xornalista entre risas.Ademais disto, Solar recorda outra experiencia graciosa daquel cruceiro. "Houbo moitos momentos divertidos. No barco convives con xente de todo tipo. Ves a xente moi estresada. Ti vas noutro plan, como de ir máis tranquila e tal. Recordo que chegamos a popa do barco e había dúas liñas de ferros, coma unhas barreiras. Entón dixemos, ¿pero isto para que é? e dixéronnos "nada isto está aquí porque a xente vense facer os selfies de Titanic, e algún dia alguén vai caer pola borda". Claro, imaxina, quedas cunha cara..." conta entre risas a escritora. "E remataron dicindo "primeiro puxemos unha barreira pero xa este ano puxemos a segunda", apunta.

Unha viaxe no que gozou de todos estes instantes, e en especial da compañía. "A min o que me pasa, é que gozo máis acompañada, quizais teño que aprender a estar soa. Pero a realidade é que cando viaxo e vexo algo bonito necesito compartilo, dáme igual se é con toda a miña familia, co amor da vida ou cos amigos, pero compartilo", admite María. "Gústame viaxar acompañada, e cada un dos que van fan a viaxe especial. Naquela viaxe, o pequeno facía esta clase de cousas, e a nena que tiña trece anos, por exemplo, apuntouse o club de "adolescentes" do cruceiro e andaba a súa bola", afirma ríndose.

O seu refuxio na Ría de Noia

Solar tamén fala do pequeno refuxio ao que escapan nas vacacións estivais. "Desde hai moitos anos, temos un pisiño que está na Ría de Noia, e no verán imos vivir alí", sinala. O encanto do seu piso preto do mar é algo totalmente imprescindible na vida de María. "Vivir nunha vila mariñeira onde tes mar, onde estamos todo o día na rúa paseando, onde espertas e podes ir pasear á praia? todo iso é impagable. Para min o verán é praia, é estar fora gozando da paisaxe", apunta, antes de concluír coa súa reflexión. "O verán é que ti teñas ganas de desconectar e non estar preocupada nin de cousas, nin de persoas? as vacacións son un pouco mentais. Hai xente que é incapaz de desconectar en calquera sitio e en calquera estación. Trátase de valorar as cousas pequenas." conclúe María.

Compartir el artículo

stats