-Bea: Como se ama?-María: Que sentido ten a vida?-B: Como se fai a vida?-Mª: Que sentido ten facer a vida?-Marta: Como ves a vida na túa cabeza?-Mª: Como entendes a vida?

Bea, María e Marta son astres actrices, os tres personaxes de Kamouraska, unha obra do teatro galego, e en gallego, que procura "facer as Américas" para alén da Finis Terrae, en Brasil e Colombia, con convites tamén de México e Ecuador.

Curiosa é a traxectoria desta peza de Inversa Teatro, que leva doce representacións en Galicia e que a punto está de alcanzar sete no estranxeiro.

Abofé que algo falla na rede do teatro galego. Ou é no público? Na compañía? Ou na proposta? Para dar cunha resposta, hai que deixarse engulir pola peza que ladra e traba.

B: Eu non ladro. Apréndeme a amar antes que a ladrar. (...) Non quero que pensen que non existo. Eu son de verdade. Non quero ser alguén que pasa e que ladra. Voume matar. Voume matar para existir. Cando me mate dirán o meu nome e despois do meu nome dirán: a que se matou para existir. Mátame para que poida existi. Mátame porque eu non son unha suicida.

De momento, os espectadores galegos non terán oportunidade en breve de que Kamouraska lles ladre, quizais non a teñan nunca máis.Aínda coa resaca das ovacións na Mostra Latinoamericana de São Paulo en abril, Inversa Teatro entalla as súas pertenzas para facturar cara a Colombia. A directora da agrupación, Marta Pérez, negocia seis actuacións repartidas polo Festival Santander, a Escena de Bucaramanga ou Cartaxena de Indias.

Dende México e Ecuador tamén recibiron convites para actuar; mentres que en São Paulo se mostraron interesados nunha residencia dramatúrxica. Se ben o caché e a estadía non son problemas, si o é lograr o diñeiro para o desprazamento. A metade desta contía corre a cargo de Santander e a Escena, pero faltaba o outro 50% que lograron cunha campaña con actuacións no Salason de Cangas e tamén vía merchandising: chapas, camisetas, bolsos, publicidade) que prosegue aberta e que se pode consultar no blog de Inversa Teatro e no seu Facebook. "Se ben Agadic pagou a débeda con Inversa, o que tardan é unha loucura. Desconfiamos de que cancelen as axudas para desprazamento, así que solicitaremos as axudas do Igaem para a distribución internacional ", explica Marta Pérez, d´ A Cañiza.

"Primeiro, pensamos en grandes patrocinadores como Rías Baixas (viños), pero non tivemos nin contestación. As institucións non valen, as administracións non funcionan... A xente da Salason díxonos "aquí estamos" e decidimos ofrecer dúas funcións alí. Así, houbo un cambio de paradigma, dirixindo a campaña aos amigos, familiares e xente con sensibilidade artística. É o momento de darlle valor ás persoas", sentencia a moañesa Bea Campos.

Mª: Parir non quere dicir amar.Bea: Por que non amas?Mª: Parir non significa querer dar vida.Bea: Por que non amas?Mª: Porque non sei como se ama, eu son a quen non ten corazón.

Todas as oportunidades que nacen agora derivan do éxito de São Paulo en abril. "Non temos explicación para iso, para a sensibilidade que mostraron os espectadores pola obra, quizais se deba á atracción polo de fóra, teñen interese polo que vén da outra parte do Atlántico. Ao mellor influíu que se trate dunha compañía nova, de teatro experimental e con traballo actoral", explica a directora da peza, a canguesa Vanesa Sotelo.

Esta dramaturga, e tamén actriz, recoñece que o éxito en Brasil tivo unha dobre cara: viuse cun gran conflito. Despois da grande acollida en São Paulo, pregúntaste se o teu lugar ao mellor non é o teu lugar. Once funcións en Galicia en total é unha media moi baixa para ano e medio".

María: Aquí é onde habita o esquecemento.

O universo frío de Kamouraska comeza nun canil amosando un xogo de violencia que pasa do irreal ao real para incomodar os espectadores cun ritmo intenso. "A concepción do ritmo escénico das obras latinoamericanas que vimos é diferente", explica a actriz María Caparrini, d´A Estrada. "O ritmo da vida contaxia as obras que teñen máis dilatación, agás na Arxentina. A nosa peza viviuse con moita intensidade; sonsetenta minutos viscerais", engade.

Se ben a xira a piques de comezar en Colombia (en xullo) ofrece "esperanza", Caparrini non oculta que "o panorama é desolador. Fastidia un pouco ter recoñecemento ao outro lado da poza e non telo aquí. Temos ilusión en levar a obra en galego para que a lingua non sexa unha barreira, para mostrar que España fálanse outros idiomas para alén do castelán.

Bea: Eu son o meu país. Non loito por un goberno, loito polo meu país. Non son autóctona. Son agresivamente apátrida, como Berenice Einberg. Eu son a que manda aquí. Eu son a que manda aquí e son un país. Se me tocas, tráboche.