A madrileña Marilar Aleixandre presentouse aos Premios Xerais coa novela "A cabeza da Medusa", unha obra ambientada en Vigo e na que narra o trasfondo dunha violación. "O medo e a vergoña son, en moitas ocasións, sensacións máis difíciles de superar que a propia violencia física", sinalaba. "Estas rapazas tenden a agocharse e teñen que recurrir ao amor para superalo. Esta é unha historia que eu vivín de preto e que estaba esperando para ser escrita", engade. Para Marilar Aleixandre "é importante crear un mundo no que a xente nova poida refuxiarse", de aí a súa preferencia pola literatura xuvenil. Conseguir o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil "é recoñecer o teu traballo e anima tanto aos gañadores como a outros autores a seguir escribindo", aseguraba.