Casa das Campás acolle hoxe o concerto "Balada galega-Zarzuela galega" con Loli Crespo (soprano) e Alba Díaz (piano). O evento, que escomenzará as 20 horas, será presentado por Javier Jurado.

O xénero da Balada galega orixínase a partires da mélodie francesa, no que respecta ao tratamento da voz e ao acompañamento do piano, incluíndo elementos técnico-musicais de certa orixe popular, sen descoidar referencias históricas tamén presentes na zarzuela e ópera galega. Existen certos aspectos inherentes ao xénero, tales como a relación coa natureza e o ambiente da aldea, a presenza do folclore e a importancia da melodía como esencia do canto e a identidade.

Para Javier Jurado "o aparente parentesco co lied xermánico é, polo tanto, unha cuestión de referencia (canción de cámara con acompañamento pianístico, interese pola música característica de diversos países, influenza do movemento romántico...), máis que de relación estilística. Tal e como acontece con xéneros similares, a Balada galega escolle poetas entre os de recoñecido prestixio e reflicte temáticas cotiás: emigración, romaría, natureza, traballo no campo e no mar, etc".

Escoitarase unha selección de pezas pertencentes ao repertorio rescatado polos investigadores Alejo Amoedo (Reveriano Soutullo) e Javier Jurado (Ángel Rodulfo, José Fernández Vide e Bernardo del Río).

Considerando a importancia social da ópera e da zarzuela, non é de estrañar que ambos xéneros foran abordados polos autores patrios. O escaso número de óperas históricas en galego contrasta cunha relativa produción en castelán. Porén, encontramos un número representativo de zarzuelas, tanto en castelán (baixo o nome de Zarzuela de costumbres gallegas) como en galego (o zarzuela galega).

O fenómeno da zarzuela en Galicia, profusamente estudado polo musicólogo Javier Jurado, ten dado lugar a unha tan extensa como descoñecida produción que, pouco a pouco, vai saíndo á luz.

Programa

Esta tarde poderemos escoitar números das zarzuelas A lenda de Montelongo, Proba d'amor e da balada Quero morrer, adaptación como balada dunha romanza de Miñatos de vran.