O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou onte o concello de Campo Lameiro co obxectivo de analizar, xunto ao alcalde da localidade, Julio Sayáns, os proxectos executados a través do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia que permitiron dotar de servizos urbanos de abastecemento e saneamento de augas a tres núcleos poboacionais deste concello.

Deste xeito, Campo Lameiro destinou case 39.000 euros a este proxecto, dos cales foron subvencionados o 80%, co obxectivo de dotar de saneamento aos lugares de Painceiros, Couso e Moraño.

"Con este proxecto pretendeuse mellorar e substituír algunha das infraestruturas dos sistemas de depuración instalados en diversos lugares do concello, como consecuencia do seu deterioro e insuficiencia, controlando así os vertidos e eliminando os riscos medioambientais", explicou Cores Tourís.

No lugar de Painceiros o sistema de depuración constaba dun pretratamento e dun compacto fosa-filtro que se atopaba moi deteriorado e sen posibilidades de arranxo, polo que optouse pola substitución total do sistema existente instalando un novo dimensionado para 100 habitantes .

No caso do lugar de Couso, o sistema anterior que contaba con filtro biolóxico e decantadores secundarios de formigón armado prefabricado tiña varias deficiencias. En Moraño, o sistema de depuración non alcanzaba os valores esixidos.