Tiña que ser en Pontevedra, "a cidade na que en 1963 comezou a súa historia de amor con Galicia", como lembrou a Real Academia Galega (RAG), onde a institución puxese en marcha os actos do Ano María Victoria Moreno. Os convidados de excepción, a filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno, e o seu viúvo, Pedro Ferriol, arroupados polos académicos, alumnos e profesores do colexio Marcos da Portela.

Éste foi onte o escenario da presentación de Primavera das Letras, un proxecto web que "fornece o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado destas etapas de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada",suliñan os voceiros da RAG, que explican que as actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e "en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística".

A directora do CEP Marcos da Portela, Alicia Martínez, exerceu de anfitriona e trala súa benvida o presidenta da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey presentaron o proxecto, un acto ao que tamén se sumaron docentes de centros como o IES Torrente Ballester, no que foi docente María Victoria Moreno.

Freixanes incidiu precisamente na importancia da docencia, que consiste, lembrou, en "comunicar emocións, comunicar coñecementos, comunicar valores, ser quen de compartir cos rapaces e rapazas unha maneira nova de ver o mundo. Nova quere dicir máis democrática, máis nosa. E, naturalmente, nesa viaxe está a nosa lingua".

Pola súa parte, a escritora Fina Casalderrey debullou as claves de Primavera das Letras, un proxecto que na súa opinión constitúe un xeito de "abrir as portas da Academia á xente nova e aos mestres". Expresou o convencimento dos académicos de que "onde máis se terma da fala é desde os primeiros anos, cos pequenos" e no decisivo papel dos mestres na conservación da nosa lingua.

A académica animou os cativos a coñecer a María Victoria Moreno a través de Primavera das Letras, pero especialmente lendo a súa obra, onde atoparán "anaquiños da súa alma".

Por último, lembrou que ata este 2018 a RAG só homenaxeara no Día das Letras Galegas a outras tres mulleres, de xeito que "a Academia está intentando ser sensible a esta inxustiza histórica".

Os responsables do proxecto explican que os materiais de Primavera das Letras iranse publicando ata as vésperas do 17 de maio, día no que a RAG volverá a Pontevedra para celebrar o acto central das Letras Galegas 2018, que terá lugar no Teatro Principal. Na primeira ficha, María Victoria Moreno. Galicia como elección, acompáñase o alumnado nun percorrido polos principais fitos biográficos e literarios da escritora e propóñense actividades nas que aprender máis sobre como era a escola na súa infancia, animando os nenos e nenas a conversar cos seus maiores sobre aquela época. Na web está xa tamén dispoñible outra ficha descargable, Reescribir o mundo, con temas como o dereito á educación, o valor da solidariedade ou a discriminación.

Engaden que no apartado de contidos interactivos, entre a oferta xa accesible pode atoparse un percorrido por espazos e protagonistas de Pontevedra, a cidade de María Victoria Moreno, ou unha actividade afonda no mundo e na historia das librarías. E nas vindeiras semanas: historias de mulleres que abriron camiños e amaron: a sua lingua, a un país que fixeron seu, os nenos, o lobo...