A Real Academia Galega (RAG) presentará esta mañá o proxecto web "Primavera das Letras" adicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018, a profesora pontevedresa María Victoria Moreno.

"Primavera das Letras" ofrece propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, para se mergullar no universo literario e vital da escritora e docente.

O acto celebrarase no colexio Marcos da Portela e intervirán no mesmo a directora do centro Alicia Martínez; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; e a académica Fina Casalderrey. Pecharán a presentación os escolares con diversas intervencións en homenaxe a María Victoria Moreno.