Unha Rosalía non só circunscrita ao mundo da cultura senón "que vaia máis aló, tal e como merece a nosa poeta nacional". Xosé Leal, responsable de Cultura da Deputación, explicou así o espírito do acto institucional que celebrará o goberno provincial o vindiero día 23.

Neste 2018 as protagonistas serán todas mulleres, 8 voces procedentes de distintos ámbitos (o deporte, os sectores productivos, as escritoras, a Once etc) que servirán de homenaxe coral, tamen con lecturas de versos escritos en braille ou traducidos á lingua de signos, á afouteza e á loita de Rosalía para destacar nun mundo moi masculino. Sábese que hoxe " aínda non se acadou a igualdade de xénero, pero no tempo que a ela lle tocou vivir esa desigualdade era aínda máis limitadora", lembra o deputado nacionalista.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, pechará a lectura e, ao igual que en anos anteriores e seguindo a recomendación da Asociación de Escritores en Lingua Galega, todos os que asistan á lectura e se acheguen ao Pazo Provincial durante a xornada do venres recibirán como agasallo un libro da colección Cíes do servizo de Patrimonio Bibliográfico e Editorial e unha camelia do cultivar "Rosalía de Castro" procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O departamento de Cultura e Lingua leva promovendo a lectura institucional desde 2016, ano no que realizara a lectura no Sexto Edifico do Museo de Pontevedra, na sala que alberga a obra do fillo da autora, Ovidio Murguía de Castro, mentres que no 2017 promovera unha lectura no Pazo Provincial no que participaran representantes de toda a corporación e a autora Elena Gallego, membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.