O acto central do Día das Letras Galegas 2018 adicado a María Victoria Moreno celebrarase o vindeiro 17 de maio no Teatro Principal. Será unha cerimonia de honra na que a Real Academia Galega (RAG) renderá homenaxe a unha paisana por elección, escritora e, sobor de todo, mestra que formou a varias xeracións no amor ao noso país e a súa lingua.

A directiva da RAG, encabezada polo seu presidente, Víctor Feixanes, reuniuse onte co alcalde, Miguel Fernández Lores, e coa concelleira de Cultura, Carmen Fouces para planificar o ano adicado a María Victoria Moreno, que fará de Pontevedra "a capital da cultura, as letras e a lingua galega no 2018", salientou o académico.

A maiores do acto académico de honra, tamén se coordinarán actividades ao longo do ano relacionadas co Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que María Victoria Moreno participaba. Así, pénsase "nun simposio de escritores sobre a súa figura, xénero e literatura infantil", avanzou o alcalde.

Éste insistitu en que Pontevedra está "encantada" de acoller as homenaxes e anunciou que o Concello manterá contactos coa Deputación para completar este programa de eventos cunha exposición no Museo sobre a vida e obra da escritora.

A académica, escritora e bióloga Marilar Aleixandre fixo unha petición expresa aos medios: que lembremos que María Victoria Moreno era pontevedresa "non extremeña, foi un azar o seu nacemento en Extremadura, nin seu pai nin súa nai eran dalí, onde só viviu 3 anos, tamén viviu en Segovia e en Barcelona pero onde máis viviu foi en Pontevedra".

Nada en Valencia de Álcántara (Cáceres) en maio de 1939, dende moi nova sentiu fascinación por Galicia e a súa lingua e, xa na súa patria de elección, tras impartir clases en Lugo e Vilalonga trasladouse a Pontevedra en 1963. Na cidade do Lérez exerceu como profesora (máis tarde catedrática) nos institutos Valle Inclán e Torrente Ballester, ao que legou a súa biblioteca persoal con 4.500 obras.

Foi a docencia a súa maís importante vocación. Marilar Aleixandre incidiu en que unha autora que fixo tanto pola língua e a literatura galega "deixou escrito que escollería ser profesora, que o seu era unha paixón por ensinar e os seus alumnos falan delo".

O seu amor polo galego custoulle no franquismo a retirada do pasaporte e os que acudiron ás súas clases lembran "o entusiasmo que contaxiaba á xente e que necesita o galego para ir para adiante", suliñou a académica.

Pola súa banda, o presidente da RAG salientou que a visita a Pontevedra era de cortesía pero obrigada, "e cumpriu coas expectativas que tiñamos, sabiamos da sensibilidade de Pontevedra coas letras e a lingua galega e con María Victoria Moreno, unha pontevedresa e unha galega como hai que selo, porque quere".

Gabou a "entrega emocional" ao país de María Victoria Moreno antes de incidir en que o 17 de maio e en xeral no 2018 Pontevedra será "a capital da cultura e das letras". Tamén fixo votos porque se impliquen o maior número de colectivos no proxecto, "non organizar moitas cousas senón implicar a cidadanía, que esto é seu, que a lingua é súa".

O presidente da RAG detacou os catro factores que levaron á Academia a converter a María Victoria Moreno na cuarta muller (tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño) recoñecida no Día das Letras galegas: a indiscutible calidade da súa obra, ademáis dirixida a un público novo e implicada na construcción "dunha xeración que poidese acceder con alegría" ao galego; o feito de que fora unha mestra que deixou pegada en numerosos alumnos; por ser muller xa que a RAG está comprometida coa igualdade; e polo seu nacemento fóra de Galicia, que amosa, lembrou Freixanes, "que este país ten capacidade de seducción, de atraer a xente que non sendo da nosa nación sono porque deciden ser nosos".