A organización da Feira Culturgal mostrouse "moi satisfeita" das novedades da súa décima edición: "Portugal e Arte Contemporánea" que onte pechou as súas portas cun éxito de público.

A feira mantivo un alto nivel de asistencia, aínda que se rexistrou un lixeiro descenso de público respecto das anteriores edicións. Aínda que á hora de redactar esta nota a feira non estaba pechada -cunha afluencia masiva na tarde do domingo-, a estimación total sería de aproximadamente 14.000 persoas durante os tres días.

Unha edición marcada por Portugal e pola arte contemporánea, pero tamén por ser a consolidación do venres como xornada dirixida fundamentalmente a profesionais ou a primeira na que Culturgal celebra o Día Internacional das Persoas con Discapacidades, este mesmo domingo. De forma simbólica e activa ao mesmo tempo, celebráronse distintas actividades para visibilizar a actividade de persoas de distintas capacidades así como a exposición Arte Inclusiva, que promovida polo Concello de Pontevedra, instalouse no Espazo Arte Contemporánea.

Tamén foi unha edición marcada polo falecemento do pintor Manuel Moldes, renovador atlántico de Pontevedra, a quen a Culturgal rendeu homenaxe na tarde de onte nun acto presentado polo artista Antón Sobral, que contou coa presenza de representantes de distintas institucións, entre eles o alcade de Pontevedra, Miguel Lores.

A integración da cultura portuguesa tanto no programa de actividades como na relación de expositores, a través do acordo coa Direção Regional de Cultura do Norte, foi un acerto de cara a estabilizar a presenza de axentes do país veciño na Feira. Tamén desde a organización da Culturgal sinalan que o Espazo Arte Contemporánea, estrear deste 2017, superou as expectativas neste primeiro ano no que se promoveu a entrada das artes plásticas á par que o resto dos sectores presentes na feira.

Foi a de 2017 a terceira e última edición baixo a presidencia de Manuel Bragado. A directiva da Asociación Culturgal escollerá en breve nova presidencia.

Culturgal 2018 celebrarase do 30 de novembro ao 2 de decembro.