Para o Concello de Ponte Caldelas o barranco máis completo de Galicia está no río Verdugo. Son tres quilómetros que comezan no lugar de A Roca e continúan, río abaixo, ata a presa dunha central hidroeléctrica. Conscientes da necesidade de unir forzas para promocionar este recurso natural de primeira magnitude para o turismo verde, o Concello de Ponte Caldelas e a empresa Galaicaventura veñen de selar unha alianza para convertelo nunha referencia para os amantes do deporte e a natureza.

O alcalde, Andrés Díaz, e o responsable da empresa, Marcos Miragaya, recalcan as enormes posibilidades que ofrece este tramo do río Verdugo, no que hai fervenzas espectaculares, con saltos de varios metros, pozas e rápidos que o converten nun lugar paradisíaco, que fai as delicias de quen o visita. Un tramo que tárdase máis de tres horas en cubrir e que sempre ofrece alternativas para que ninguén quede atrás. Mesmo nas tres cascadas que constitúen o seu principal atractivo.

O goberno local caldelán está empeñado en aproveitar todos os recursos turísticos de Ponte Caldelas e ve con moi bos ollos a posibilidade de tirar todo potencial dunha contorna natural que foi elixida polos equipos de montaña da Garda Civil para realizar os seus adestramentos.

Catro domingos

O Concello cede a Galaicaventura o uso do pavillón municipal de Deportes como vestiarios e punto de saída e chegada de todas as excursións. A cambio obtén catro xornadas, todas elas encadradas na mañá dun domingo, nas que poderán participar gratuitamente as persoas empadroadas en Ponte Caldelas. Este requisito é habitual en todas as actividades municipais.

Serán catro domingos repartidos entre os meses de xuño, xullo, agosto e setembro e as datas anunciaranse oportunamente e con antelación. Porén xa está decidido que este mes de setembro próximo, durante os días 17 e 24, celebraranse as dúas primeiras sesións gratuítas para a veciñanza caldelá. O Concello abrirá un prazo de inscrición entre o luns, 4 e o venres, 15 de setembro. As persoas interesadas deberán facer un depósito de 10 euros, que recuperarán integramente despois da actividade, ou ben, en caso de non poder asistir por motivos xustificados e comunicados con antelación. Durante o prazo quedarán anotadas un total de 30 persoas, máis un pequeno número en listaxe de espera. As 15 primeiras persoas serán asignadas á quenda do domingo, día 17, e as restantes, á do día 24.

Para participar esíxese ser maior de idade e non ter ningún inconveniente físico que impida a participación.