Marín celebrou o día de Rosalía de Castro e o aniversario do seu 180 nacemento con varias iniciativas, que culminaron onte cun concerto no que se cantaron algúns dos seus poemas. Na alameda celebrouse ademais unha ofrenda floral á maior autora galega.

"Rosalia entre outras" foi o título dun concerto no que "Xardín Desordenado" interpretou cancións compostas sobre textos de Rosalía, e tamén incluíu textos de outras seis poetas galegas de diferentes xeracións, coma Olga Novo, Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Luisa Castro, Carmen Kruckenberg e Cristal Méndez Queizán.

O acto constituíu un xeito de integrar a poesía de Rosalía entre outras poetas actuais, para tentar achegala á xente nova. Asemade amósanse as diferencias sociais entre a Galicia de Rosalía e a actual, e tamén temas intemporais como o amor ou a dor.

O repertorio de "Rosalía entre outras" estivo integrado por Aprendendo a ladrar (Olga Novo), A viúva (Rosalía de Castro), Tanto de Tanto (Carmen Kruckenberg), Ansias de Xacinto (Rosalía de Castro), Rapaza buena (Luisa Castro, " Baleas e Baleas"), Eu cantar cantarei (Rosalía de Castro), On the road (Cristal Méndez Queizán), Nana (Rosalía de Castro), O torrente Feminino (Marta Dacosta), e Rosa (Rosalía de Castro).

O grupo Xardín Desordenado está integrado por músicos que son ademáis estudosos da lírica galega e en particular da obra de Rosalía. Cos seus poemas musicados percorren toda Galicia pero tamén saltaron ao outro lado do Atlántico.

Esta celebración que organizou o Concello de Marín contou tamén cunha homenaxe a Rosalía na forma dunha semblanza da autora e unha exposición de todas as súas obras na Biblioteca Pública Vidal Pazos. Tamén se enviou a todos os colexios de Marín una selección de poemas de Rosalía.