O pasado luns botaba a andar a segunda edición do Mes da Memoria Histórica, no que durante este mes de outubro, Cuntis volve a ser escenario dunha serie de actos de homenaxe ás represaliadas e represaliados durante a ditadura franquista.

Comezabamos este ano coa exposición fotográfica "Atravesados pola Guerra" de Silvina di Caudo e xestionada pola ARMH. Dita exposición permanecerá aberta ao público ata mañán. Os actos de cara a vindeira fin de semana comezarán o venres ás 21.00 horas, coa palestra impartida pola escritora e xornalista Montse Fajardo A represión das mulleres en Galiza, que abordará a represión sufrida polas mulleres a consecuencia do golpe de Estado do 36 na Galiza.O sábado día 15, ás 12 horas, contaremos cunha palestra da Asociación Cultural cuntiense O Fervedoiro, na que nos falarán dos seus 10 anos de traballo a prol da recuperación da memoria, e posteriormente, ás 20.30 horas a presentación en Cuntis do libro de María Solar "As horas roubadas", coa presenza da propia autora e de Encarna Otero, que fará unha intervención sobre a situación das mulleres durante a transición.

Todos estes actos terán lugar na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis.