A Concellería de Cultura ten deseñada unha amplia programación cultural con motivo da celebración do día das Letras Galegas, adicado este ano ao poeta Manuel María. Os actos comezarán mañá cunha conferencia sobre o homenaxeado a cargo de Adela Leiro, mestra xubilada e escritora de recoñecido prestixio en Galicia. Será ás 21 horas na Sala Nauta, donde tamén se inaugurará unha exposición sobre a Vida e Obra de Manuel María, que poderá ser visitada ata o 20 de maio e que é organizada en coordinación por Adela Leiro, a asociación Soalleira de Dorrón e a Concellería de Cultura.

O martes 17 de maio será o día grande das celebracións. A asociación cultural Andarela deseñou unha actividade que baixo o nome de "Espertar en galego" tratará de sorprender aos veciños coa colocación de carteis en tódalas parroquias con verbas enxebres e frases dos poemas de Manuel María. A asociación de veciños de San Juan Dorrón programa para este día a III Marcha Cicloturística a Dorrón, que partirá do colexio de Magaláns.

A partir das 12 da mañán a actividade concentrarase na Praza Pascual Veiga, donde se procederá a facer unha lectura pública de textos de Manuel María, na que participarán personaxes públicos. O grupo musical Onte e Hoxe, porá música e son aos poemas. Tralo concerto terá lugar a entrega dos premios do Certame Literario Picariños, organizado polo Centro Cultural e Deportivo Sanxenxo e que nesta edición contou con máis de 60 participantes. Trátase dun certame en memoria do mestre Hermida que se desenvolve nas modalidades de narrativa e poesía e con dous premios individuais por cada una das modalidades convocadas. O acto rematará coa interpretación por parte da Banda de Música de Sanxenxo do himno galego.

Xa pola tarde, a Praza de Vilalonga acollerá un Serán, a partir das 17 horas, a cargo da asociación Os Cruceiros, no que actuarán tódolos grupos deste colectivo. En Sanxenxo, na Praza Pascual Veiga, ás 17.30 horas, a asociación cultural Abiñadoira ofrecerá actividades en grupo para rapaces para fomentar o uso do galego nos nenos Ás 18 horas será Noalla quen celebre o seu Festival das Legras Galegas da man do coro parroquial na casa forestal de As Canteiras. Portonovo, pola súa parte, porá fin ás celebracións a cargo da coral polifónica Santa María Adina de Portonovo e Os Gatiños, que se desenvolverá no CEIP de Portonovo.