O Ateneo Santa Cecilia ven de convocar a edición número 63 do tradicional concurso de maios e embarcacións con motivo do vindeiro 1 de maio, cuxas bases se atopan no local da entidade. O certame, que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Cultura da Xunta e da Concellería de Cultura de Marín, está dirixido a centros escolares, asociacións e colectivos, tanto marinenses como da contorna.

As bases contemplan que só se admitirán embarcacións de construcción artesanal. En canto aos maios, deberán ter forma cónica e os armazóns poderán estar feitos con calquera material, se ben na súa decoración exterior permitiranse unicamente elementos vexetais e naturais. No que respecta á coroa, deberá respectar as formas tradicionais dos maios marinenses e estará recuberta con material vexetal, excluíndo os engadidos de figuras ou símbolos alleos aos históricos.

Os grupos participantes deberán formalizar a súa inscrición antes das 21.00 horas do 28 de abril, para o que deberán cubrir un formulario que estará dispoñible na secretaría do Ateneo Santa Cecilia. Xunto co documento de inscrición será preciso adxuntar 12 copias da letra coa que participen no concurso.

Premios

Un xurado nomeado polo Ateneo Santa Cecilia fará a valoración dos participantes, cunha puntuación do 1 ao 10, en cada categoría do certame: letra, construcción, coroa e interpretación no caso dos maios; letra, construcción e interpretación, para as embarcacións.

En cada apartado haberá un primeiro e un segundo premio. Tamén se establece un premio "especial" á letra que mellor resalte a primavera, o cambio de estación ou a natureza. Ademais, todos os grupos recibirán unha achega económica polo feito de participar no concurso, xunto coa habitual rosca e o chocolate para os seus compoñentes.

As normas de participación conlevan que as letras das coplas -aínda que de libre composición- sexan en lingua galega. As interpretacións, de catro estrofas e a derradeira, apoiaranse en estruturas musicais tradicionais, tanto os maios como as embaracións. O xurado valorará a recuperación de melodías antigas.

Os grupos participantes terán a obriga de concentrarse o 1 de maio pola mañá na rúa Almuiña e nos espazos sinalados polo Ateneo, situándose por rigorosa orde de chegada. Será neses puntos onde interpretarán as súas coplas entre as 12.00 e as 13.30 horas.

Os representantes de cada maio ou embarcación serán convocados polo Ateneo a unha xuntanza que se celebrará o 28 de abril ás 21.00 horas, para recibiren información sobre os detalles organizativos da festa e do certame.