"Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas de literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. En troques do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada".

Os voceiros do grupo de música tradicional Os Chichisos explican así os cantares de Reis, unha tradición que recuperaron en Pontevedra fai anos e que actualiza a práctica de "reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa", engaden as mesmas fontes.

Os ensaios cos nenos da cidade comezaron onte na Casa do Pobo de Bértola, en Vilaboa, e as actuacións celebraranse o vindeiro día 4 de xaneiro en Bértola e nas rúas e prazas de Pontevedra.