"Lingoa proletaria do meu pobo eu fáloa porque sí , porque me gosta / porque me peta e quero e dame a gana". Dos versos de Celso Emilio Ferreiro sae o lema da campaña de 'crowdfunding' coa que un grupo de ourensáns quere adicar aos rapaces que falan galego a mellor festa do mundo. Una romaría na que eles serán os protagonistas e na que os adultos amosaranlle o seu agradecemento e respeto por falar a nosa lingua "no máis difícil dos contextos". A esa minoría que conforma a "resistencia" e garantía do futuro do idioma, está dirixida esta festa que, si ou si, vaise celebrar o 17 de maio, Día das Letras Galegas na cidade de Ourense.

A ubicación está aínda por determinar e, para eso, os organizadores agardan contar coa colaboración do Concello. Namentres, puxeron en marcha unha campaña de financiamento colectivo para planificar unha festa na que os rapaces gocen de principio a fin do Día das Letras Galegas sentíndose especiais por falar a súa lingua.

O 'crowfunding' está no portal okpal.com coa denominación "porque me peta", expresión de "orgullo infantil", sinala a organización, que serve de lema a esta festa pioneira en Galicia e que quere ter continuidade en vindeiras edicións. O límite fixado é de 2.000 euros e a campaña aínda está arrancado con pequenas aportacións.

Durante toda a xornada haberá actividades festivas e de xogo, "para que sexa un día especial" e terá formato de romaría, con xantar colectivo e a partición de artistas do campo da música, o circo e o teatro cos que xa se iniciaron os contactos. Non faltará unha foliada e espazos de xogos por grupos de idade nos que os pequenos "verán que hai moitas cousas que se poden facer en galego".

Os asistentes levarán unha bolsa de recordo co lema da festa "porque me peta", que tamén ten o seu propio 'hashtag' nas redes sociais para sumar apoios e ideas.

A campaña inclúe a elaboración dun audiovisual que se proxectará o día da festa e no que artistas e persoeiros da cultura agradecen aos cativos que falen o galego e os animan a continuar. Sarabela, Caxade ou Cé Orquesta Pantasma xa enviaron as súas mensaxes e con estas, e outras que se vaian sumando, configurarase o vídeo que os rapaces poderán ver o 17 de maio.

"Agardamos que a xente apoie esta homenaxe ás nosas crianzas porque contra vento e marea están a manter a lingua viva", sinalan desde a organización. "Esperamos que despois desta celebración a idea se espalle polo país", engaden, e lembran que o 'crowdfunding' permite colaboracións desde calquera lugar e que a causa "ben o merece".