Linteo vén de publicar Ciclo de Saturno, a sexta entrega da edición de Macrocosmos, a obra completa de Millán Picouto (Ourense, 1949). Antes apareceron na mesma editorial Ciclo de Venus (2001), Ciclo de Mercurio (2002), Ciclo da Terra (2006), Ciclo de Marte (2007, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega), Ciclo de Xúpiter (2008, Premio da Asociación Galega de Editores). En 2009, por primeira vez baixo o título de Macrocosmos, viu a luz en dous volumes a propia tradución do autor ao español de 23 obras dramáticas, desde o ciclo de Mercurio ao de Xúpiter mais Atawallpa ou a morte do Sol, a primeira obra de Ciclo de Saturno. Estas publicacións son presentadas por Linteo como volumes integrados por traxedias e comedias como partes orgánicas dun vasto edificio teatral sen precedente nas letras galegas. Para dar unha idea da amplitude e variedade do conxunto citemos obras ambientadas no Ourense do baixo medievo, A peso de ouro; referentes a Galiza, Prisciliano en Tréveris, María Soliña; da materia de Bretaña, A fada e o cabaleiro; das sagas nórdicas, Os corvos, Lánser e Íngrid; do mundo clásico, Nausícaa, Empédocles, Péricles e Aspasia, Vercinxetórix, príncipe da Galia, Xulio César, Zenobia, raíña de Palmira; de contos populares ou de autor e do folclore universal, Conto de abril, As andoriñas, Os Guerreiros Celestiais, Asteroides; de lugares misteriosos, a Triloxía da illa de Páscoa. Un conxunto de preto de 60.000 versos que engadidos á obra lírica fan de Millán Picouto un dos poetas máis fecundos da historia da literatura galega.

-Que novidade supón "Ciclo de Saturno"?

-Contén cinco obras: a "Triloxía Incaica", sobre a destrución do imperio dos incas, empezando pola ascensión, o aprisionamento e a execución de Atawallpa: Atawallpa ou a morte do Sol, A traxedia de Willkapanpa e O soño do Machupikchu. Despois, Lope de Aguirre, sobre a autodestrución dos conquistadores españois. - A comedia dos zapatos, ambientada na Florenza de fins do século XV, dous anos antes da morte de Lourenzo de Médici. As tres primeiras obras son as máis extensas das escritas até hoxe para o teatro sobre a conquista española de América. De Lope de Aguirre hai precedentes nunha peza teatral de Torrente Ballester, nunha novela de Sender e nunha película de Herzog e noutra de Saura. O traballo do primeiro é esquecible. Sender non quixo ou non soubo dotar o seu protagonista de alma, o que ao meu xuízo é un fallo estético. Herzog limítase a uns diálogos rudimentarios e ao contraste visual entre a fealdade do seu protagonista e unha natureza ubérrima e extraordinaria. O traballo de Saura non é plenamente satisfatorio. A personalidade de Lope de Aguirre ofrecía posibilidades inexploradas. Eu exploreinas, como antes a colisión entre o imperio andino e a punta de lanza dun imperio transoceánico. A comedia dos zapatos clausura os anteriores conflitos nun ton alegre e festivo.

-¿Como escolle os seus temas e argumentos?

-Unha vez respondín elusivamente que esa escolla é misteriosa, mais certamente un autor escolle os temas e asuntos que mellor poden expresar o seu sentido da vida.

-¿Por que os nomes dos planetas nos ciclos? ¿Por que "Ciclo de Saturno"?

-É un xeito de ordenar as obras arredor dos símbolos que os planetas comportan por tradición. Ciclo de Saturno versa sobre o tempo e a fame devoradora da vida, que consume as súas creacións. Mais estas obras e as anteriores poderían tamén agruparse, sumariamente, en traxedias e comedias; ou, especificamente, en históricas e lendarias, do mundo clásico, etc. Toda ordenación é convencional. Falta saber se neste caso é arbitraria. O certo é que ao longo dos anos 80 descubrín que o que ía ideando xurdía inconscientemente ordenado como unha translación dos símbolos do Sol e a Lúa ás estrelas. Admirado, entregueime a esa maxia. Nela prosigo. Por outra parte, é sabido que no sistema astrolóxico, fóra das súas pretensións mánticas, subxace respecto aos planetas unha antiga concepción do crecemento humano.

-¿Cantos libros faltan por escribir da serie?

-Probablemente non máis de dous. Os planetas están contados e os meus anos tamén. O autor dunha obra de imaxinación, que en principio ninguén demandou antes de que ela naza, non debe prolongarse máis alá dunha enerxía suficiente e non ten mérito repetir o que xa se fixo ben unha vez. Esta serie, como vostede lle chama, é case a miña obra completa. Con Ciclo de Saturno van 27 obras publicadas. Cada obra, representada, dura máis de dúas horas. Lida, o mesmo, pois nunha hora lemos arredor de 1.000 versos. Xa que as obras aparecen en libros, deberían lerse nas condicións axeitadas. A primeira condición, todo seguido, nunha sesión. Estase afeito a cursar novelas, o xénero de moda, e elas pódense abordar, deixar e retomar en bastantes días. Como por natureza son morosas e adoitan posuír unha estrutura episódica, a morosidade lectora non as prexudica. As obras dramáticas, en cambio, requiren unha lectura ininterrompida, para que a súa forza non decaia e se esparexa, se ben o lector pode permitirse unha pequena pausa como un descanso no teatro. Por outra parte, a miúdo os lectores preocúpanse demasiado de quen é o personaxe que fala, e interrómpense demasiado para consultar a lista de personaxes da primeira ou segunda páxina. Non, así non. Agás a consulta inicial e algunha rara posterior, as obras dramáticas deben lerse todo a eito, mirando só de esguello na marxe esquerda de páxina o nome do personaxe que fala. Se o personaxe é importante, repetirá as súas intervencións, destacarase polos actos e os pensamentos expresados, e ao pouco tempo o lector poderá identificalo como unha forza característica e individual.

-¿Espera que estas obras cheguen a representarse ou non lle preocupa?

-Unha compañía teatral peruana está interesada na representación da Triloxía Incaica. Estamos tratando diso. Eu comporía tamén a música para os coros. Sería unha música andina, pentatónica. Sempre escribín teatro para representar. Coido que é moi representable e atrévome a dicir que, en condicións idóneas, popular. Cando dirixín o grupo Auriense puxen en escena algunhas obras como xerme do que viría despois. Pero o que tiña que escribir presaxiaba un gran desenvolvemento. Tiven que optar entre só escribir ou tamén formar un grupo maior, capaz de representar as grandes formas. Mais eu non podía facelo todo. Concentreime, pois, en escribir e publicar o escrito. Prefiro non gastar o tempo en ter que persuadir e estimular cando o espírito da época é tan remiso. Compráceme vivir e imaxinar sen ansia. Se o xénero dramático para realizarse plenamente necesita mediadores entre o autor e o público, maiormente actores e actrices, actualmente a min compriríanme uns mediadores entre eu e os mediadores. Pero algún día aparecerá en Galiza, ou noutra parte (xa parece que aparece), uns entusiastas audaces que decidan subir todo isto a un escenario. Aínda falta algún tempo. Mentres, escribo continuando unha tradición de 2.500 anos e o teatro que hoxe se representa semella que naceu onte ás oito da tarde. É un teatro carente de tantas cousas e del non se espera ningunha revelación. A min non me interesa moito. Recórdame o que dixo Goethe: quen non saiba dar conta de 2.000 anos de historia, que viva ao chou dun día para outro. Por iso confío o meu traballo aos libros e aí o que escribo pode lerse sen maior dificultade como un conxunto de poemas dramáticos. Virán tempos mellores.