X.M. del Caño / OURENSE

O home que máis popularizou a gaita galega, ó fronte da Real Banda de Gaitas de Ourense, que actuou para presidentes de países de catro continentes, papas e premios Nobel de Literatura, naceu en outubro de 1950 en Romeor do Caurel (Lugo). Descubriu a súa querencia pola música no Seminario de Lugo. Formou o primeiro grupo de gaitas en Barcelona, onde foi fichado polo entón presidente da Deputación de Ourense Victorino Núñez, coma "un xenio".

- ¿Como foi a súa infancia?

- Ata os dez anos vivín en Romeor. O meu pai e miña nai, Domingo e María, dedicábanse á agricultura. Mandáronme para outra escola, que consideraban máis importante, para prepararme para ir ó Seminario de Lugo. Despois de tres anos en Sabane do Caurel, estiven asistindo a clases de Xosé Ramón Raposo, que era o mestre máis coñecido da zona, e dun cura chamado Xerardo Árias, ó que lle teño moito aprecio. Ós doce anos fun para o Seminario de Lugo, onde empecei a ter contacto coa música, a través do mestre Xosé Castiñeira. Era un dos músicos máis destacados, continuador da obra de Xoán Montes. Pero ademais, en Romeor sempre houbo gaiteiros destacados. Dalgún xeito, eu herdei esa tradición, que aprendín dende neno. Formei parte da Schola Cantorum do seminario. Tiña 150 compoñentes. A agrupación era impresionante. Eu tocaba o clarinete e a gaita na Escola Cantórum.

- Fixo outros estudios.

- Estudei Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario de Lugo. Cando rematei os estudios eclesiásticos, matriculeime na Universidade Autónoma de Barcelona. Fixen a licenciatura de Tradución e Interpretación de Alemán e Inglés. Paralelamente cursei Filoloxía Inglesa. Tamén me matriculei na Facultade de Filoloxía Galaico Portuguesa de Basilio Losada na Universidade Central.

- ¿Alí é onde comeza a gran aventura da música?

- Xustamente. Eu xa tiña no Seminario de Lugo un grupo de tres estudantes, chamado Toxos e Xestas, que de 1970 a 1975 recorreu toda Europa. Despois desta experiencia, en Barcelona empecei cun novo proxecto no Centro Galego. Puxen en marcha a miña propia escola, Toxos e Xestas de Barcelona, pola que pasaron miles de galegos. Chegamos a ter matriculados 600 alumnos, en distintos cursos, que eu dirixín durante oito anos.

- Alí foi onde o fichou o ex presidente da Deputación, Victorino Núñez.

- Si, xustamente, nunha ocasión que foi a Barcelona. Foron os catro presidentes das deputacións en 1987. Había unha representación do Centro Galego. Nós tiñamos un grupiño de doce gaiteiros. Fixemos unha mostra. E chamoulle a atención a Victorino. Daquela sacou unha información un xornal, dicindo que Núñez quería fichar xenios en todo o mundo. Ase non era o meu caso, que son unha persoa humilde, pero propiciou a miña chegada a Ourense.

- Victorino tamén procede da provincia de Lugo.

- Si, preguntoume de onde era. Victorino Núñez é de Quiroga. Os seus antepasados son do Caurel.

- ¿A que acordo chegaron?

- Eu tiña a cousa ben armada en Barcelona, polo tanto díxenlle que me gustaría contar aquí con apoio. Para adaptarse ó que eu esixía, crearon unhas prazas na Deputación.

- Puxo en marcha a Escola de Gaitas.

- A Escola Provincial e a Real Banda de Gaitas. Antes xa lle pedira que creara un taller de gaitas, a cargo de Brañas.

- ¿Como empezaron?

- Non había local. Tivemos que comezar nun local de prestado, a primeiros de novembro, no primeiro pavillón do antigo hospital provincial, que deixara o Conservatorio, e remataron preparando un edificio. No primeiro ano había 120 alumnos en Ourense, ademais das bandas de Trives, Vilamarín, Cea, A Gudiña e Cartelle. Neste momento todos os concellos da provincia teñen unha escola de gaitas. Ourense pasou de ser a provincia que menos gaiteiros tiña, á que mantén un maior número de instrumentistas.

- ¿Cantos grupos tiña?

- Media ducia de cuartetos. E no primeiro ano, lembro que xa desfilaron 300 gaiteiros na batalla de flores.

- ¿Cantos gaiteiros hai na actualidade?

- Na provincia de Ourense hai uns 15.000 gaiteiros, integrados en 120 bandas. Nestes momentos, a Escola de Gaitas é universal. Durante o verán veñen aquí alumnos de todo o mundo.

- ¿Cando se puxo en marcha a Real Banda?

- A Real Banda empezou a fraguarse coa Escola de Gaitas. O meu propósito, dende un principio, foi crear unha Escola de Gaitas, cunha banda que levara o nome de Galicia por todo o mundo. En 1990 veu a Reina Sofía a Oseira, escoitounos e solicitamos que nos concederan o título de Real. Tivemos que esperar dous anos. En 1992 ofrecémoslle un concerto ós Reis de España en San Martín Pinario de Santiago. Nese momento, o Rei dixo: "Mi general, tome nota. Tengo que despachar con usted". Ó día seguinte xa despachou con el en Mallorca e recibimos o título de "Real" por medio da Xunta de Galicia. Iso deunos novos folgos.

- A partir de aí, dedicáronlle varias melodías a personaxes reais.

- Si, gravamos a "Muiñeira da Infanta Elena", a "Muiñeira da Infanta Cristina", a "Gran Rapsodia de Aires Populares de Galicia", con motivo da voda dos Príncipes de Asturias, e "Cantares de berce para a Infanta Sofía". É o CD número vinte da Real Banda de Gaitas, coa voz de Miriam Figueiras. Un dos momentos máis emotivos foi o concerto a Xoán Pablo II en Roma. Como anécdota, podemos lembrar que o Papa contemplara dende Loreto unha conexión que fixeron vía Eurovisión coa praza do Obradoiro de Santiago, no día Internacional da Xuventude. Quedou impresionado ó comprobar que veu unha gran borrasca, un vendaval, polo que marchou case toda a xente, e a Real Banda seguiu tocando o Himno da alegría. Xoán Pablo II dixo que quería coñecer a aquela agrupación musical, polo que organizamos o concerto de Roma, que foi moi emotivo. Estaba previsto que durara 45 minutos, e o Papa pediu que se prolongara trinta minutos máis. Antes actuaramos para o Papa en agosto de 1989 en Santiago. Temos un CD-DVD titulado "Concertos á súa Santidade o Papa Xoán Pablo II". Inclúe a "Mureira de Wojtyla", que lle dedicamos.

- Entregáronlle varias gaitas ó Exército, feitas en Ourense.

- Para a Unidade de Música da Garda Real.

- A Real Banda de Gaitas está composta por unha selección dos mellores gaiteiros dos grupos da provincia.

- O número de membros oscila. Agora mesmo ten cincuenta instrumentistas. Noutras ocasións temos viaxado oitenta persoas e outras veces 35, dependendo das circunstancias.

- Actuaron para presidentes e personalidades ilustres.

- Participamos no desfile de San Patricio de Nova York, presidido por Hillary Clinton, actuamos para o emperador de Xapón e para os presidentes de Venezuela e Arxentina.

- A Real Banda viaxou por medio mundo.

- En 1990 a Real Banda viaxou a México, por mediación de Victorino Núñez. Actuamos alí para Vázquez Raña, nun contexto fermosísimo. Esa foi a primeira experiencia internacional. A partir de aí empezamos a recorrer países. Actuamos en Indonesia, Corea, Xapón, Australia, Estados Unidos, Cuba, Santo Domingo, Venezuela, México, Arxentina, Uruguai e practicamente todos os países de Europa. Fixemos a última xira por Exipto. Ofrecemos un concerto con motivo do centenario da Universidade do Cairo, ante 6.000 persoas. Un dos momentos máis fermosos foi a actuación que ofrecemos no Auditorio de Luz e Son da pirámide de Giza no Cairo, porque é un escenario único no mundo. Agora temos invitacións para ir a China e a San Petersburgo. Seguimos coa misión de levar a gaita polo mundo.

- ¿Cal é a xeografía da gaita?

- Na Península Ibérica aparecen gaitas dende Asturias a Galicia, norte de Portugal, unha zona de León, Aragón, ata Cataluña e Baleares. Na Idade Media había gaiteiros practicamente en toda España. Na actualidade mantéñense na zona norte, con especial incidencia en Galicia e Asturias. Dentro do ámbito internacional, tocan a gaita galega en Australia, na República Checa, Inglaterra, Francia e Alemaña, entre outros.

- ¿Que países conservan a gaita propia?

- A gaita máis primitiva conservase en Túnez, Grecia e Turquía. Hai gaitas máis evolucionadas nos países do Este, como Bulgaria, Rumanía, Polonia, República Checa e en moitas repúblicas soviéticas.

- ¿A grande capital da gaita segue sendo Escocia?

- Escocia é o país onde a gaita, socialmente, está máis considerada. En Galicia, desgraciadamente, era un instrumento de xente humilde.

- Ourense na actualidade está exportando o seu método de aprendizaxe da gaita.

- En Portugal desaparecera case por completo a gaita, salvo en Tras os Montes, e recuperou o instrumento grazas a Ourense. Empezou por Aveiro e Viana do Castelo. Tamén recuperaron a práctica do instrumento, seguindo o método da gaita galega, Gales e Illa de Man, no Reino Unido. Alemaña é o país onde se toca máis a gaita, nos centros galegos, pero con moitos alumnos que naceron no país xermano. De feito, o libro Segredos da gaita traduciuse ó francés, alemán, inglés e checo.

- A Real Banda actuou nas catro tomas de posesión de Manuel Fraga.

- Nas que interpretou a melodía "Gallaecia", composta para a toma de posesión de todas as persoas que accedan á presidencia. É unha peza completamente apolítica. Na primeira toma de posesión de Fraga interviñeron 1.500 instrumentistas. Nas posteriores foron subindo, en canto ó número de integrantes, ata a última, na que se concentraron 5.000. Había gaiteiros de Asturias, Escocia e do mundo da emigración, xunto ós galegos.

- Vostede coida de forma especial dúas facetas, a de recoller música tradicional e a de compositor.

- Dende hai 25 anos dedícome a peitear os pobos, practicamente todos os fins de semana, buscando gaiteiros, músicos e neste momento sobre todo cantores. A lírica popular galega é moi rica, especialmente dende o século XIII. Hai moitas persoas que conservan a sabeduría que se transmitiu ó longo de centos de anos. Temos feito dous tomos do Caurel. Está a punto de saír o terceiro. Recollemos unhas 1.500 melodías do Caurel, que editamos en CDs. Tamén fixemos un traballo importante na comarca da Gudiña, en Riós e Covelo. Como compositor fixen alboradas e melodías para personaxes importantes como "Mazurca para Don Camilo", dedicada ó Nobel de Literatura Camilo J. Cela.

- Creou o Museo da Cornamusa, nun edificio do antigo hospital provincial que se encontra no campus.

- O museo xurde como complemento da Escola de Gaitas. Ten uns oitenta instrumentos, pertencentes a distintas culturas. É un punto de atracción turística. Contén pezas dos séculos XVII e XVIII, un organistrum, copia do que aparece referenciado no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, e algunha cornamusa que xa desapareceu no país de orixe, procedente de repúblicas da ex Unión Soviética. A filosofía do museo é buscar gaitas de calquera cultura, que estean a punto de desaparecer, mentres que outras xa non existen en ningunha parte e foron reconstruídas para o museo.