¡O que el na gaita sabía!

¡O que el cos dedos podía

naquel punteiro faguer!

( Curros Enríquez, 1880)

Foi don Casto Sampedro no Cancioneiro Musical de Galicia quen documenta pezas do gaiteiro O Choqueiro de Cangas. No disco Navicularia, o grupo Berrogüetto toca unha muiñeira súa e o grupo Treixadura, en Unha noite no muíño, interpreta o tema Vinde rapaza, outra muiñeira recuperada do seu repertorio polo coro Aires da Terra de Pontevedra.

O gaiteiro tiña por nome José Manuel Pazó. Viñera de Cesantes (Redondela), a finais do XIX ou nos primeiros anos do século XX. Viviu nunha casa pola zona do Palomar, en San Pedro, onde abriu unha taberna. Nela xuntábase toda a mocidade da parroquia para beber, bailar e pasar un rato de divertimento.

Manuel O Choqueiro, como era coñecido, tocaba a gaita á entrada da taberna ao tempo que levaba a conta dos xerros de viño que a súa filla Teresa ía servindo polas mesas. Facía toda a festa acompañado da súa muller Alexandra Otero (Lisandra) coa pandeireta. Daquel tempo conservamos unhas coplas populares: "A siña Alisandra/bebeu moito viño,/ a siña Alisandra,/ borracha no camiño. // E ímonos de aquí,/ /señora Alisandra, / e ímonos de aquí /que imos de parranda. // A siña Alisandra / mercou un porquiño, /a siña Alisandra,/ sentada no camiño.// E ímonos de aquí, / señora Alisandra, /e ímonos de aquí /que imos de parranda".

Por fóra O Choqueiro xuntábase con Juan Villar (Juan da Canle) co clarinete e con Calino, co acordeón e armaban foliada onde fixera falta, sobre todo na Canle, que era o lugar de xuntanza dos veciños do barrio de San Pedro. (Calino viñera do Grove e casou con Pepita (a Romera), que tamén tiña taberna)

Xosé Manuel Pazó era un home alto. Enviuvou e casou de segundas. Tivo moita familia e dous dos fillos, Antonia e Pedro, deron descendencia de gaiteiros. Antonia casou co señor Florencio González (Felecho). Desta relación naceu Florentino (neto pois do Choqueiro), zapateiro de profesión e que sería outro famoso gaiteiro, o Coxo do Felecho, que formou o grupo Airiños do Castelo, xunto a Gelito, Lito e Paco. Noutras ocasións estivo acompañado polo gaiteiro Carballeira.

Os Airiños do Castelo actuaron moito en festas, romarías, procesións e en moitas cidades importantes. Aínda non hai moitos anos que acompañaban aos cabezudos nas festas do Cristo. A asociación cultural Bellas Artes organizoulles unha homenaxe en 1989.

E a saga do Choqueiro continúa cos netos de Pedro. Foi Pancho Pazó de Cimadevila quen, ao xubilarse, se empeñou en facerse gaiteiro e tivo como mestre ao seu curmán Florentino. Pancho coa gaita animaba o ambiente de festa na fogueira do solsticio de verán, acompañaba a procesión de San Pedro e mesmo cando ían de excursión cos veciños, facendo as viaxes máis amenas.

Unha filla de Pedro, Angelina Pazó, casa cun neto de Juan da Canle e dous dos seus bisnetos, Humberto e Guillermo Barreiro Villar van ser gaiteiros descendentes do Choqueiro en quinta xeración.

Florentino (O Coxo do Felecho) falece o 16 de xuño de 1995, con 88 anos. Pancho, Humberto e Guillermo, os seus alumnos, acompañan o enterro co son da gaita interpretando a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galiza.

Guillermo, que aínda era un neno cando morreu o seu mestre, continuou formándose no grupo Lembranzas da Ría. Aquí estivo varios anos tocando a gaita, bailando e participando na Danza e Contradanza de Darbo. Despois de deixar Lembranzas formou parte do grupo Trisquele Band.

Humberto forma parte dos grupos Anaquiños de Chapela e Estoupa Caldeiros de Rábade (Lugo). Fundou os grupos Pelexo de Ghaita de música popular e Os Castróns, de música de rúa e participou en Lembranzas da Ría. Participa, co barrio de Donón nos carnavais do Hío dende hai anos e preside a asociación O Mouchiño de San Pedro, organizadora de moitas actividades culturais e da Festa dos Mouchos que celebra no adro de Darbo.

E toda esta saga arrinca coa chegada a Cangas deste home de Cesantes, José Manuel Pazó, O Choqueiro de Cangas, que forma familia no barrio de San Pedro, abre taberna no Palomar, fai festa e divertimento coa gaita e deixa un ronsel de cinco xeracións de gaiteiros. E a vida segue ao son da gaita!

*Directivos daCepa