Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha obra de reafirmación

O traballo de Pilar Gómez defendendo o texto é notable; explota os momentos de humor con ritmo

Escena de "Emilia". // Gonzalo N.

A personaxe é complicada e a obra ten un cariz haxiográfico que non sempre deixa ver as zonas escuras de Emilia Pardo Bazán. Emilia forma parte da triloxía "Mujeres que se atreven" cuxo propósito é recuperar biografías de mulleres que loitaron pola igualdade. O monólogo interpretado por Pilar Gómez céntrase case exclusivamente neste aspecto polo que o espectáculo acaba tendo un ton vindicativo que deixa pouco lugar para a contestación.

A actriz diríxese ao público coma se este estivese formado polos membros da Real Academia Española -unha institución na que nunca logrou entrar polo feito exclusivo de ser muller- nunha presunta defensa da súa candidatura. Se lembramos que a primeira muller entrou na RAE en 1979 e que aínda hoxe o seu dicionario define as mulleres como o "sexo débil" non podemos negar que o asunto sexa da máxima actualidade. Por ese camiño, o discurso da personaxe vai debullando as continuas afrontas que tivo que aturar a escritora na súa teima por ocupar unha cadeira académica.

O foco sitúase case en exclusiva neste terreo e por aí van desfilando as opinións da autora de Los pazos de Ulloa sobre as carencias na educación das mulleres, sobre o que hoxe chamariamos violencia machista e que ela xa denominaba "mujericidio", sobre a misoxinia reinante entre a intelectualidade española da época. Un discurso que se revela dunha modernidade sorprendente, se non fose porque nesta altura xa non nos pode sorprender a contumaz permanencia dos patróns patriarcais na sociedade.

Pero quizais o problema resida en que a obra queda a medio camiño entre a recuperación dunha figura histórica e a denuncia dunha situación social de desigualdade, sen rematar de decidirse por ningún dos dous vieiros: como biografía, resulta incompleta; como denuncia, non acaba de elevarse sobre o tópico. O carácter enteiramente asertivo do texto, sen que exista unha voz que funcione como contrapunto e que orixine algún conflito, só nos deixa a posibilidade, como espectadores, de concordar co contido e certificar a súa oportunidade. De reafirmarnos no que xa pensamos.

En todo caso, o traballo de Pilar Gómez defendendo o texto é notable: logra introducir matices nesa visión monolítica da protagonista, explota os momentos de humor con gran sentido do ritmo e coloca moi ben os diferentes rexistros que se lle esixen á personaxe. Mágoa que a nefasta elección de imitar un acento galego estereotipado nos distancie tanto de algúns dos seus parlamentos.

Como a obra é divertida e trata un tema da maior vixencia mantén un certo atractivo teatral: pode ser de utilidade a todos os que aínda andan despistados nesta materia. Tanta xente.

(*) Crítico teatral e subdirector de erregueté (Revista Galega de Teatro)

Compartir el artículo

stats