Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Novo ronsel de lembranzas

A Cepa retoma a partir da vindeira semana a súa serie de personaxes con 50 novos protagonistas

Lito Gago o gaiteiro de Pinténs (1993)

Agora vai outro medio cento de personaxes nesta segunda entrega de lembranzas. Houbo que ir ao dique para reparar velame e continuar coas pescudas para seguir enguedellando vidas e historias que estaban acubilladas nos arquivos da memoria...

Achegarémonos aos primeiros músicos da rondalla de Manolo Chilola, en tempos dos alcaldes Pancho Eiroa e do médico Jorge Echeverri asasinado xunto ao mestre don Vicente e ao sindicalista Lorenzo Corbacho.

Tempos daqueles arriscados Piñeiros da Rocha que baixaban nos carros coas piñas e cos feixes de leña para vender ou co leite para trocar por un vaso de aceite ou cen gramos de azucre na de Cinturita baixo a vixilancia de Evangelio e, de Chiripa, "Viva quen venza".

Tempo das choronas de Cangas como A Torrosa, naquelas rúas en costa do barrio do Costal coa fábrica de gasosas, que nos traen á memoria ao fidalgo Ignacio Zabala e aos médicos humanistas don Xosé Piñeiro e Venturiña, da familia Lazarí, pintor das imaxes da Semana Santa.

Cando do extremo da vila se escoitaba o pitar da fábrica dirixida por Gaspar Massó, a mellor e máis moderna conserveira de Europa, con centos de mulleres de sal e choiva, traballadoras da conserva que enchían as rúas de Cangas camiño do Salgueirón e doutras tantas fábricas do litoral naqueles anos de mariñeiros con pés descalzos e pantalóns de pana remendados.

Lembramos a Modesto San Perello, o esmoleiro de Reboredo e a Angel (O Ghafón) sen escravitudes polo diñeiro e que andaba cunha peseta de papel amarrada nun cordel polo chan. Da Sabeliña, de Fefiña, Chefa a dos Cans, ou do elegante Solbareas e tantos outros que deixaron camiño ao andar como Luís (O Cañón) ou o señor Carrapicho, Jamín ou a Machicha . E os escritos do poeta popular Evaristo Pereira naqueles anos de conversas do escritor Xosé María Castroviejo na farmacia do seu amigo Ladislau Castro na rúa Real.

Con eles chegamos aos anos máis recentes. Tempo de lecer e diversión no cine e no baile de Andreíta e das celebracións no parque de verán de Mallo en Rodeira. Aquela famosa Peña Machaca e as serenatas das Pepitas até a Coral Lestonnac, decana da polifonía en Cangas e ao éxito de Nuevas Amistades no Festival internacional de Mallorca.

Naqueles xa desaparecidos cines de Leta, no Avenida ou no Galaxias onde a canguesa Olga Fernández entra triunfal recén coroada Miss España en Tenerife e recibida con honores de raíña por toda a xente.

Naquela Cangas, terra de artistas autodidactas como Antonio Nores pintor de magníficos cadros no seu tempo libre, de Manolo Coia escultor no seu taller de Nerga na madeira e na pedra ou de Camilo Camaño, Luz da Mangallona na Casa Museo no Carballal de Coiro. Todos souberon xunguir coa súa arte ás persoas do colectivo nas celebracións no Macillos, no Porta Nova, na do Jefe ou na cociña do Pote ou cos mariscos de Pepe Simón.

Lembraremos o labor de tantas persoas no coidado e agarimo do folclore tradicional como Carmiña Pérez ou Xosé Chamiceira, ou O Ghaiteiriño do Piñeiro e Anxo Gago (Lito) saga de gaiteiros que arrincan no histórico Choqueiro de Cangas, profesores, médicos e escritores...

Queremos tamén achegar novas daqueles fotógrafos de fóra (italianos, alemáns, americanos, británicos, cataláns ?) que visitaron a nosa Vila e achegarnos aos labores imprescindibles de xente solidaria como Neneta que fixo moldear nunha Escola da India o nome da inmorredoira María Soliña.

Vai pois esta segunda parte dedicada ás personaxes de Cangas que por algunha razón deixaron unha impronta, un facer camiño no seu vivir nesta terra do Morrazo. Ala van pois estas lembranzas recollidas das memorias das persoas coas que compartiron vida ou que ocuparon un espazo no seu maxín. Un traballo de recolleita feito con moito respecto e agarimo.

Grazas a elas e a eles, pois co seu vivir e co seu facer, conseguiron que os nosos camiños de Cangas sexan máis habitables e máis humanos dende os tempos medievais cando o rei Fernando II doa o lugar de Entrambos ríos a un tal Varela, pasando polo xograr medieval Johán de Cangas, cantor das cantigas de romaría de San Mamede do Mar.

*Secretario de A Cepa

Compartir el artículo

stats