Darlle unha volta. Iso é o que significa Give it a Spin, título do espectáculo que a ourensá Rut Balbís, xunto co seu compañeiro cangués e deejay, Jas Processor, e a compañía Pisando Ovos farán en Cangas hoxe ás 20.00 e ás 21.30 horas na Praza das Pontes. Unha actuación na que a bailarina e a música materán unha conversa para, de novo, voltear o mundo da danza dun xeito pouco convencional.

-O espectáculo que propón é moi innovador. Como é Give it a Spin?

-O que intentamos é conxugar dúas disciplinas como a música e a danza a través dun deejay que está en escena creando a música. O meu movemento acompaña o que vai soando. É un espectáculo para espazos non convencionais: rúas, parque, prazas...Ademais, é unha alternativa das compañías de danza para dar a coñecer os nosos traballos.

-Como poden conversar unha bailarina e un deejay?

-O meu compañeiro e eu facemos un diálogo a través do son e do meu propio movemento. A peza vaise facendo a medida que nós imos conversando coa música. Pensamos que é unha posta en escena moi potente que consigue atraer a moita xente.

-Canto hai de ensaio e canto hai de improvisación?

-A estrutura compositiva é a dramaturxia e a peza ten un esquema fixo. No que é a proposta musical e de movemento, temos unha parte que si é improvisación. Dependendo do espazo e o ritmo imos creando.

-Hai moitas compañías que fagan este tipo de espectáculo?

-As compañías de danza e teatro contemporáneo estamos afeitas a facer intercambios e proxectos con disciplinas diferentes. É algo habitual poder mesturar artistas moi diferentes na creación contemporánea. Aínda que para a nosa compañía, Pisando Ovos, si é unha experiencia nova.

-De onde xorde a idea de conxugar música e danza?

-Coñecer ao deejay Jas Processor foi o que me levou a pensar a posibilidade de facer algo coma isto. Ademais, apetecíame traballar con música electrónica en directo.

-É a primeira vez que actúa en Cangas?

-Fai moito tempo actuei no Auditorio, pero si é a primeira vez que actúo dentro das actividades que ofrece a Mostra. A verdade é que me fai moita ilusión participar neste certame. É un dos máis antigos que se fan no mundo do teatro e, ademais, hai moito esforzo por parte dos coordinadores para poder facelo. Ademais, como Jas Processor é de Cangas fainos dobremente ilusión.