Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santa Baia de Meira na historia

A parroquia conmemora mañá a súa patrona e o investigador Manuel García aproveita para pescudar no seu pasado

A igrexa de Santa Eulalia ou Santa Baia de Meira. // M.U.G.B.

Sobre un cabaleiro medieval de apelido Varela, coetáneo do rei de León e Galicia Fernando II, a historiadora Elisa Ferreiro, na súa tese de doutoramento, describe que: "Debía ser un persoeiro destacado dentro da comitiva real xa que se conservan varios documentos do mosteiro portugués de Fiaes nos que aparece confirmando concesións reais acompañado sempre por xentes de gran relevancia ... Anselmo López Carreira formula a hipótese de que debía tratarse dun cabaleiro que destacou no terreo militar..."

Unha das concesións, escriturada en Zamora o 4 de abril do ano 1160 trata da herdade doada polo monarca ao propio Varela: "Que se llama Cangas y está en el Morrazo en la orilla del mar". Trece anos despois, no mes de agosto do ano 1173, nesa mesma cidade, concédelle a el e a súa dona, Constanza: "Todo el realengo que S.M. poseía y debía tener en la Villa nombrada Meira, para que de allí adelante le hubiesen por sus términos novísimos y antiguos, y con todos sus pastos, montes?" Ambos documentos están depositados no Archivo Histórico Nacional de Madrid.

Aínda que a Constanza descríbena sen apelidar, noutros documentos posteriores aparece como Constanza de Meira e os seus herdeiros levaron dito apelido ata a metade do século XV en que dona Teresa de Meira, ao casar con don Gonzalo Valladares xuntou a súa vila coa de Valadares e Saxamonde, pertencentes ao marido. En diferentes escrituras asinadas a partir do ano 1337, cítase a Meira como couto e freguesía

Malia que ningún membro da familia Valladares-Meira, habitou no couto meirán, posuían alí unha torre con dúas murallas de protección que mandou derrubar Pedro Madruga no ano 1476; actualmente quedan restos no lugar chamado "A Torre" sobre os que se trazou un esquema posteriormente ás prospeccións arqueolóxicas do ano 1976.

Un dos homes máis influentes de España naquel tempo, o inquisidor xeral e presidente do Consello de Estado, don Diego Sarmiento Valladares Meira, conseguiu do rei Carlos II, en 1670, a concesión do título de Vizconde de Meira para o seu sobriño, don Luís; tres anos despois, o monarca outorgoulle o de Marqués de Valladares. Deste xeito, Meira converteuse tamén en vizcondado.

No ámbito civil, a autoridade máxima era o xuíz que estaba asistido por un carcereiro; ao primeiro elixíano os señores Valladares-Meira para administrar xustiza, atender o mantemento do couto, recadar os impostos reais e os propios deles: foros, vasalaxe e lutuosa; situación que durou ata o ano 1836 cando se crea o concello constitucional de Meira, que contía ademais as parroquias de Domaio, Tirán e Moaña, a onde se trasladou en 1874. O carcereiro encargábase do cárcere histórico meirán.

Sobre a igrexa de Meira, que estaba baixo o padroado do Priorado de Ermelo, descríbese nunha carta do ano 1623, dirixida ao abade do mosteiro de Poio, do que dependía Ermelo dende o século XV que: "Puede haber dos meses, poco más o menos, que se cayó el techo y bóveda de la Capilla mayor de la dicha Iglesia". A misiva gárdase no Archivo Histórico Nacional de Madrid.

Da análise dos anteditos documentos dedúcese que o actual templo, consagrado a Santa Baia cuxa festividade celébrase mañá 10 de decembro, ten orixe románico, como os de Moaña e Tirán aínda que, da época da súa construción nada se conserva; pois, de acordo cos datos que aparecen nos libros parroquiais, depositados na actualidade no Arquivo Diocesano de Santiago, dende 1697 a 1699, botouse abaixo a antiga capela maior para construír unha nova, dúas laterais formando cruceiro con cúpula en media laranxa e o retablo da capela da Virxe das Dores.

Aínda que, nos comezos, deixouse en pé a antiga nave con cuberta a dúas augas, durante o ano 1710, segundo se describe nun dos citados libros, o cura certifica un abono de: "Cuatro mil y cuatrocientos reales que llevaron los pedreros que hicieron la nave de la Iglesia toda con sus arcos y portada del campanario"; portada rematada en 1727 coa escultura da patroa, Santa Baia. Do ano 1738 procede o retablo maior e de 1828, a espadana. A cuberta de canón da nova nave, construída en pedra, foi reconstruída con ladrillos e cemento no ano 1905, de imitación a cantería, segundo descrición do párroco daquela, don Domingo Freijomil.

Deste xeito déuselle remate a un fermoso templo barroco, erguido por etapas con esmolas dos veciños de Meira e pagos anuais que varios labregos meiráns entregaban á Igrexa polo arrendo dos moitos ferrados de terra de propiedade eclesiástica, ata o ano 1843 en que foron incautados polo Estado e vendidos aos campesiños.

*Veciño e investigador de Moaña

Compartir el artículo

stats