O deputado provincial Uxío Benítez encabezou a delegación pontevedresa, conformada por 18 persoas, que está participando no III Encontro da Rede Estatal de Cidades das nenas e dos nenos que se celebra en Huesca, organizado polo Laboratorio Internacional do proxecto do CNR de Roma.

O Encontro conta con 145 inscritos de 30 localidades de Cataluña, Andalucía, Valencia, Aragón, Canarias e Galicia. Os concellos que forman parte da delegación pontevedresa son Tomiño, Ponteareas, Cambados, O Grove, A Guarda, Pontevedra, Salceda de Caselas, Lalín e Ribadumia. Entre eles; os concelleiros lalinenses, Lara Rodríguez Peña e Nicolás González Casares.

Tralo acto oficial de presentación das cidades e institucións participantes, Benítez e parte da delegación da provincia mantiveron un encontro co propio Franceso Tonucci para explicar como se están executando as distintas accións do goberno provincial no conxunto da provincia. "Manifestou moito interese en manterse informado sobre como estamos expandindo o modelo de cidade de Pontevedra a outros concellos, e como se está adaptando ese modelo a concellos con particularidades moi diferentes, a maioría moito máis rurais, e como se vai implementando esta filosofía no conxunto do territorio provincial" asegurou. Tamén afirmou que "a participación neste encontro consolida a nosa rede provincial ao tempo que constatamos que seguimos sendo unha referencia en canto a medidas encamiñadas a deseñar espazos públicos nos que se lle dá prioridade ás persoas e á seguranza viaria".

Na apertura do Encontro, a Deputación proxectou un vídeo no que se recollen as principais actuacións de calado nesta materia, como son o Plan Móvese e a convocatoria de Plans de Mobilidade Sustentable. Así, no apartado dedicado ao Plan Movese, destinado ao calmado do tráfico para mellorar a convivencia de coches e persoas en estradas provinciais, explicábase que foron instalados 597 redutores físicos de velocidade e pasos peonís sobreelevados en 46 concellos, e cun investimento de 3,8 millóns. Tamén se indicou que está en marcha unha segunda fase deste Plan con máis de 1.000 solicitudes novas. En canto aos Plans de Mobilidade Sustentable, a liña de axudas a concellos para que deseñen cambios estratéxicos no seu espazo urbano e prioricen ás persoas, o investimento acadou os 579.000 euros e atendeu as solicitudes de 42 concellos.

O encontro' As políticas públicas desde a participación infantil: experiencias, investigación e innovación' continuou coas reunións dos cinco grupos de traballo encamiñados a avanzar en innovación na participación infantil. No grupo de traballo 'O papel das conselleiras e conselleiros para unha política pública' participan os deputados Uxío Benítez, Eva Vilaverde, Digna Rivas; o asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de O Grove, Ángeles Domínguez, o tenente de alcalde de Lalín Nicolás González Casares e o concelleiro Ribadumia Enrique Oubiña. Noutro grupo, A participación das nenas e dos nenos nos Museos. Consellos están participando a concelleira de Educación de Lalín, Lara Rodríguez, e a concelleira de Cultura de Salceda de Caselas, Teresa Pérez.