Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O mundo é grande, Rosalía infinda

Un videoclip asinado polo estradense Lucas Terceiro recolle versos da autora dende distintos recunchos e idiomas do planeta

Isi e Sofía, dende Venecia.

Cada 24 de febreiro o estradense Lucas Terceiro asina un presente para Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento. O publicista escolleu en 2016 A xustiza pola man para conformar un vídeo con distintos colectivos da Estrada na honrar da memoria da escritora. O ano pasado, da man do departamento municipal de Cultura, a elexida foi Negra Sombra. Este ano Terceiro e o Concello apostan por lanzar a mensaxe de que o mundo se pode facer ben pequeno ante a inmensidade dunha muller como Rosalía. De aí que o lema escollido sexa Rosalía infinda.

O reloxo non concede minutos por máis que un o mire. O traballo de posprodución que implica unha peza como a que se presentará o martes no Museo do Moble e da Madeira aínda está dando batalla. Terceiro ten que lograr un fío condutor único para todo o material que dende múltiples recunchos do planeta fixeron chegar máis de cen persoas.

Nesta ocasión a peza rosaliana seleccionada foi Adeus ríos, adeus fontes. A partires desta escolla, os versos de Rosalía espalláronse polo mundo enteiro, buscando por cada recuncho do planeta estradenses ou colaboradores dispostos a coller o seu teléfono móbil para compartir un verso deste poema. O fin último e reflectir "a heteroxeneidade do planeta baixo o paraugas da cultura galega e os versos de Rosalía", explica Terceiro.

A música é tamén protagonista. A peza elexida para pór banda sonora a este traballo e Tránsito, de Berrogüeto. A resposta dos convidados foi áxil e Terceiro está a recibir vídeos chegados de Fuerteventura, Dubai, Alemaña, Xapón, China, Venecia, Australia, Los Ángeles, París, Bos Aires, Barcelona, Glasgow, Ámsterdam, Inglaterra, Braga, Granada ou Xerez.

Os versos de Rosalía non só se proclaman aos catro ventos dende os lugares máis variados, senón que tamén chegan en múltiples idiomas. Estradenses que residen fóra do municipio ou persoas alleas á Estrada que desexan sumarse a esta proposta cultural fanos chegar en árabe, euskera, polaco, xaponés, castelán, italiano, chinés, francés, catalán, inglés, checo ou gaélico.

Lucas Terceiro recoñece que, o feito de pedirlle á xente que fixese uso do seu smartphone para facer chegar estas gravacións facilitou o traballo de produción. O desafío reside agora en facer que a peza, que tamén conta coa colaboración da meirande parte dos centros educativos da Estrada, teña a cor e o ritmo que se persegue, que tódalas pezas do quebracabezas encaixen á perfección.

O tempo voa e aprema. O martes, cando A Estrada celebre un novo acto para lembrar á universal autora de Cantares Gallegos, este videoclip verá a luz, para logo seren compartido a través de múltiples redes e canais. O ciclo comezará de novo. Os versos de Adeus ríos, adeus fontes voltarán a percorrelo planeta en galego e noutros moitos idiomas. O mundo é grande pero Rosalía é infinda.

Compartir el artículo

stats