Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A primeira escola do Concello da Estrada

No ano 1634 no cuberto da casa dun descendente do dono do Pazo de San Bieito comezouse a ensinar a nenos a ler e a escribir

Mobiliario dunha escola da primeira metade do século XX no Mupega de Santiago. // Bértolo Ballesteros

Na parroquia de Santa Mariña de Ribeira no lugar de A Ponte, onde está situada a casa de Araújo ou Pazo de San Bieito, había a comezos do século XVII dúas casas, unha a carón de outra, e que pertencían a dúas familias, pero parentes entre si. O seu devanceiro Pedro Núñez casara dúas veces, unha en 1558 con Isabel Rodríguez (do Pazo de Preguecido) e outra en 1579 con Julia de Castro, (de quen descende Rosalía de Castro), polo que en 1630 unha casa pertencía a Juan Núñez, descendente do primeiro matrimonio e a outra a Jacinto Campelo Castro, descendente do segundo matrimonio.

A casa de Jacinto Campelo estaba entre a casa-torre en que vivía Juan Núñez e a casa lareira deste. Para ir desde a casa-torre ata á cociña da outra casa, servíase dun cuberto tellado, que daba ao sur, e que ía desde un lado a outro pegado á casa de Jacinto.

Foi principalmente baixo este cuberto onde se comezou a dar clase a nenos no ano 1634 a petición dunha muller, María da Rigueira, viúva do escribán Juan Núñez Monteagudo, o dono da casa. O mestre chamábase Domingo Rodríguez, que cando comezou a dar clase tiña 16 anos e que en 1670 seguía exercendo nesta parroquia. Non sabemos que preparación tiña, pois daquela non existía a carreira de Maxisterio e entón exercía calquera que soubese algo máis que os demais, porén pola súa sinatura podemos ver que estaba ben preparado.

Tratábase dunha escola para nenos aos que se ensinaba a ler e a escribir. Algún dirá, claro, que se ensina sempre a ler e a escribir ao mesmo tempo. Porén iso non é tan sinxelo. En séculos anteriores e aínda a comezos do século XX nas cidades había unha escola onde un profesor/a ensinaba ler, e outra escola ou outra aula, onde se ensinaba a escribir.

Cando se impartiu clase nesta escola, é dicir, na primeira metade do século XVII, calcúlase que só un sete por cento dos homes sabían ler ou polo menos asinar, pois daquela só había escolas nas cidades. No documento de onde sacamos os datos sobre esta escola, que data de 1670, aparecen 12 testemuñas, a maioría duns cincuenta anos, que son veciños de Santa Mariña de Ribeira, e tamén algún de Ribadulla ou Barbude, dos que só sabe asinar malamente un deles, ademais do mestre. E entre as mulleres, nestes tempos, só algunha de familia nobre ou que estivese nun mosteiro podía dicir que sabía firmar. As mulleres solteiras ou casadas non podían tomar decisións económicas sen a autorización dos pais ou maridos, polo que estaban relegadas tamén no aspecto cultural, porén as viúvas tiñan xa outro status. Así vemos que a muller do arquitecto Pedro Arén, veciño de Cerdedo, non sabía asinar, pero ao quedar viúva en 1699, meses despois xa sabía ler e escribir.

O que non se nos di neste documento é quen pagaba ao mestre. Normalmente e ata o século XX eran os pais os que pagaban ao mestre, normalmente en especie, de aí que se fale das "escolas de ferrado". Había excepcións, como é o caso dun pobo cerca da Coruña, onde un ricachón fundou en 1755 unha escola gratuíta para os nenos da súa parroquia e para os nenos e nenas da súa casa (unha bisobriña deste señor casaría logo con Francisco Bermúdez de Castro e Sangro, da casa de san Paio de Figueroa na Estrada).

Afortunadamente hoxe en día non só é gratuíta a escola e mesmo ás veces a comida, senón que hai certos casos en que a Xunta lles paga aos pais para que "matriculen" aos fillos na escola. É unha mágoa que ademais de matricularse, non se lles esixa unha asistencia e un aproveitamento pertinente a eses alumnos.

Os pais que menos estudos teñen, son a miúdo os que ven menos necesidade deles para seus fillos. Algúns destes cren que os estudos non interesan xa que eles van cobrar toda a vida a RISGA, a axuda do Banco de alimentos, a de Cáritas, a do concello, a da Cociña Económica (onde a hai), etc., polo que os estudos ata poden supoñer un atranco, non sexa que lle queiran buscar un traballo, e por aí non van pasar ¡faltaría máis!

Porén xente con estudos procura que os seus descendentes tamén os teñan. Por exemplo, en Cerdedo dito Pedro Arén recibiu formación de arquitecto amparado polo seu pai que era un cura, e en Corredoira (Cerdedo) o cura Bartolomé Cadavid nun codicilo do ano 1719 pon como condición que seu neto, chamado tamén Bartolomé, aprenda a ler e escribir, antes de recibir a herdanza.

Congratulámonos que hoxe en día a ensinanza nas escolas atinxa a todos os nenos e nenas, mesmo aos que teñen algunha discapacidade, pois iso os pode preparar para ser máis libres e independentes no plano persoal.

Compartir el artículo

stats