A Asociación Cultural O Brado da Estrada dou a coñecer onte os gañadores da 27ª edición dos Premios San Martiño de Normalización, que recoñecen o labor de persoas e entidades que traballan a prol da lingua galega. Os galardoados deste ano son a Asociación Codeseda Viva, na modalidade de A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes; a funcionaria natural de Tomiño Carme Pérez Vaquero, na categoría de Galicia Enteira; e o escritor Mario Franco Rodríguez, que distinguido co premio a toda unha vida de defensa do idioma.

A entrega dos galardóns será o 15 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal de A Estrada. O fallo desta nova edición dos premios San Martiño produciuse o pasado martes. O xurado encargado de elixir aos galardoados estivo integrado por: Lourdes Dono, Mónica Arca, Juan Constenla, Iván Sanmartín, Luis Ferro, Carlos Andújar e Kike Vázquez.

A Asociación Codeseda Viva botou a andar no ano 2000 coa creación da páxina web 'Codeseda.com' e constituiuse formalmente como asociación en 2011. O colectivo realiza un labor de recompilación de documentos antigos, fotografía e datos históricos. Actualmente, está inmersa no traballo de homologación da Ruta de Sendeirismo PRG-197, unha tarefa que está a piques de verse materializada. De xeito paralelo, a asociación tamén traballa na actualidade no proceso de documentación do camiño da Geira Romana e dos Arrieiros, que parte de Braga e remata en Santiago de Compostela logo de pasar pola parroquia de Codeseda. A súa pretensión é que sexa recoñecido polas autoridades como Camiño Cultural Preferente e logo como Camiño Xacobeo.

Mario Franco Rodríguez, nado en Santiago de Compostela e residente na actualidade na parroquia estradense de Rubín, empezou a escribir en 2004. A súa primeira novela publicada foi "Terranova-Memorias dun mariñeiro". A obra está baseada nas súas experiencias como tripulante dun buque bacallaeiro. Gañou durante dúas edicións consecutivas o premio Avilés de Taramancos coas obras "A derradeira campaña do capitán Samuel" e "A capela maldita". Franco, de 83 anos, asegura escribir sempre en lingua galega, idioma que tamén empregou na emigración. Froito das súas vivencias en Venezuela na década entre os anos 60 e os 70 escribíu "A liberdade perigosa".

Carme Pérez Vaquero naceu en Goián (Tomiño), reside en Vigo e traballa no Concello de Redondela dende 1979. É secretaria do colectivo Galeguizar Galicia, que engloba á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, á Fundación Lois Peña Novo, á Asociación de Amigos do Couto Mixto, á Irmandade Xurídica Galega, á Irmandade da Sanidade Galega, á Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e ó Foro Enrique Peinador. A súa formación é no eido administrativo. Grazas ó labor das asociacións ás que está vencellada, "a mensaxe da normalización lingüística ten vida propia fóra das fórmulas tradicionais da cultura galega, prestixiando a lingua galega onde había indiferenza", sinalan dende a organización dos premios San Martiño de Normalización.

Carme Pérez | Galicia Enteira

"A asociación impulsou os servizos de normalización"

Carme Pérez Vaquero entrou en contacto co galeguismo a partir de 1979, ano no que comezou a traballar como funcionaria no Concello de Redondela, onde coñeceu ao político e intelectual Xosé González Martínez. "Entramos á vez e a través del púxenme en contacto co tema da lingua e co galeguismo", pasando a formar parte de varios colectivos, entre eles, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. "A asociación impulsou os servizos de normalización lingüística nos concellos, entre eles, no da Estrada, primeiro con Manolo Campos e despois con Valentín García", explica. "O traballo que facemos é colectivo, non individual. O premio quero compartilo cos compañeiros do colectivo Galeguizar Galicia. Son moitos os que están traballando en prol da normalización do idioma en moitos ámbitos da sociedade", apunta. Pérez recoñece que "aínda hai moito traballo por facer" a prol da normalización la lingua galega. No próximo mes de novembro, no seo do colectivo ao que pertence, levarán a cabo o Día da Restauración da Memoria Lingüística, convocando á xente nos cemiterios. "É curioso, porque nos camposantos non hai lápidas en galego", sinala.

Codeseda Viva | A Estrada e comarca

"É un premio inesperado que nos anima a seguir mellorando"

O presidente de Codeseda Viva, Carlos da Barreira, admitía onte que o galardón para o colectivo é "un premio totalmente inesperado", pero que "agradecemos moito; anímanos a seguir mellorando". Destaca o traballo que está levando a cabo a asociación para a recuperación dos nomes de lugares e predios da parroquia, " palabras que só sabe a xente maior e que se perden coas novas xeracións", sinala. Os termos que van recollendo de conversas cos veciños incorpóranos a un mapa de Google que xestionan a nivel interno e que acaba por converterse nun inventario para preservar no tempo. "É un traballo intenso que sería ideal poder publicar dentro duns anos", afirma Da Barreira. O proceso de tradución plena ao galego da súa páxina web, con 160.000 palabras, e outra das súas metas a curto-medio prazo.

Mario Franco | Toda unha vida de defensa do idioma

"Antes de escribir hai que vivir... e é o que fixen"

"Lin moito e vivín moito. Non sei onde lin que antes de escribir había que vivir... e é o que fixen", sinala Mario Franco Rodríguez. Naceu en Santiago de Compostela, cidade na que estudou. Vigo e Madrid tamén son escenarios da súa vida, ao igual que os mares de medio mundo, pois navegou en barcos bacallaeiros. Estivo emigrado en Venezuela durante dez anos e agora reside na parroquia estradense de Rubín. Alí recoñecía a última hora da tarde de onte sentirse "sorprendido" pola concesión do premio, aínda que defende que "sempre escribín en galego", se ben ten algúns textos tamén en lingua castelá. Xa xubilado, continúa producindo textos. Agora está centrado na creación de "Os asesores", a súa primeira obra de teatro, unha "sátira sobre as orixes das guerras", explica.