Doade xa vai preparando todo para a maioría de idade da Malla Tradicional. Os veciños e achegados á terra estiveron colaborando nos traballos de sega e atado dos mollos, como manda a tradición, vestidos de época. Catro descendentes dos esforzados que ían a Castela formaron parte desta labor. Estes señores mostraron a súa particular forma de atado. En canto á sega, a forma é ao suco, a máis particular para eles e tamén para os veciños de Doade, aínda que hai quen prefire facelo ó estilo de chapoda.

En Deza, o atado deixa os mollos con forma redondeada, mentres que en Castela, "quedan cunha forma máis ovalada", comentan os residentes en Allariz. Os traballos tiveron que comezar máis tarde do previsto porque "había moito orballo, e é ben que o centeo estea algo seco para poder recollelo", explica Manuel Blanco, da Casa do Patrón. Na cita non podía faltar Maximino Míguez, que é o que pon a maquinaria precisa para a malla "para min esta é unha das mellores á que asisto, é moi especial", explica. A forma de sega que representan no entorno da Casa do Patrón, sitúase nos anos anteriores aos corenta, que foi cando chegou a motorización das máquinas. "Isto supuxo un avance en canto á forma de traballo, pero tamén foi un atraso porque se restaron moitos postos de traballo", comenta. Certo é, que na xornada de onte foron varios veciños e os procedentes de Allariz, os que colaboraron; cada un collía un rego e ían preparando os mollos.

A colleita é de centeo, que "antigamente era o máis cultivado porque tiña unha alta produción, servía para facer pan e tamén para os animais", comenta Maximino Míguez. En canto á presenza de mulleres nos traballos era escasa, "antigamente elas facían o atado e traían as dez e os cativos carrexaban os mollos", explica. Porén, ata aquí achegouse unha foránea de Navarra casada cun home da aldea, que coñecía ben estas labores. As ganas e o entusiasmo por aprender esta tradición víanse no seu rostro, e o seu marido foi quen de ensinarlle a atar e ela non dubidou en poñerse a traballar. "Eu nunca fixen isto, si carrexei herba e outros traballos", comenta.

Como en toda cita, a comida non pode faltar, e conservando a tradición, apareceron as mulleres da aldea cos cestos na cabeza, nos que carrexaban uns pinchos e bebida para os traballadores. Tocaron as dez polo que todos pararon o traballo para gozar de chourizos asados, filloas, embutidos, queixo, pan feito no forno da casae leite frita. Ademais do bo viño ou da auga que viña no porrón. Tras o descanso, houbo que rematar o traballo, tocaba facer o atado dos mollos e carrexalos para deixalos secar para a malla que se celebra o 19 de agosto no mesmo sito, no entorno da Casa do Patrón. Nesta labor, as conservas xiraban entorno as distintas formas de atado, e os de Castela ensinaban cal era a súa forma e explicaban como se colocaba nos carros, mentres os de Doade aprendían e mostraban a súa tradición. Finalizadas as horas de traballo, tocaba o descanso e todos se sentaron na mesa para comer empanada de torresmos e chourizo e outra de bacallau feitas no forno de pedra e carne asada. O postre tamén é importante por iso había tarta de galleta e cocos que tamén leva tradición na familia.