Estaba moi vencellado ao seu Gres natal, pero tamén a Silleda, a onde acudía de neno coa súa nai a vender animais e mercar enseres nas feiras do 14 e do 29 na Bandeira. Semanas antes de falecer, Xosé Neira Vilas foi nomeado o pasado 30 de outbro socio de honra do colectivo Vista Alegre e onte, pouco máis dun ano despois desta distinción, o seu nome faise eterno noutro enclave de Silleda, en concreto no instituto Pintor Colmeiro.

A comunidade educativa decidiu darlle o nome do literato á súa biblioteca, unha decisión que forma parte dun intenso traballo que levan facendo desde hai meses docentes e alumnos e que está inspirado, precisamente, na obra do autor de Memorias dun neno labrego.Neste labor inclúese unha exposición de libros de Neira Vilas, que onte puideron visitar o presidente da Fundación do mesmo nome, Xosé Luis Reimóndez, e o artista Roi Casal, responsable do espectáculo Son galego, son cubano, inspirado tamén na obra de Neira. Pero é que ademais, os alumnos do Pintor Colmeiro colgaron no blog As Ferreiras o libro dixital Eu son, que leva por título precisamente as palabrascoas que comeza Memorias... Neste libro dixital recóllense varias ducias de testimonios dos antepasados destes estudantes, con fotografías incluidas.

Na xornada de onte,Reimóndez e Casal fixeron fincapé no forte vínculo que tiña Neira Vilas coas xentes do Deza e coa promoción da lectura entre os máis novos. Antes de descubrir a placa que dá nome á biblioteca, algúns alumnos leron fragmentos das súas obras. Fíxose, tamén, unha pequena entrevista aos dous persoeiros convidados ao evento.