Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un ano da envorca electoral en Lalín · Os actores principais

Rafael Cuiña: "Hoxe a xente xa non ten medo a dicir o que pensa; é un cambio significativo"

"Estou moi satisfeito cos meus socios de goberno, por iso seguiremos nesta senda os próximos anos" - "O principal problema que temos é o paro e somos pioneiros en destinar cartos a plans de emprego, aínda sen ter competencias"

Rafael Cuiña presentábase ás eleccións cun equipo co que ía a por todas, logo dun ano de traballo e de visitas ás parroquias e mantendo contactos con veciños e coletivos do municipio. Os seis concelleiros que lle deron as votacións colocárono como o candidato con máis apoio, por detrás do aspirante do PP. Lémbra aquel domingo do 24 de maio como unha noite histórica en Lalín, "na que aconteceu o que moitos consideraban imposible." Admite que cría que era improbable, pero di que sabía que se se presentaba un candidato que puidese aglutinar un voto transversal -que fose do PP ao nacionalismo- o cambio era máis factible que con unha suma de candidaturas que unicamente se repartían os votos da esquerda. Tamén se queda coa "xenerosidade" de PSOE, APAC e BNG, por ser parte fundamental e decisiva do cambio político en Lalín, algo que lles agradece. É un dos chamados alcaldes do cambio en Galicia e un dos de máis exposición social.

-Luces e sombras deste primeiro ano de mandato.

-Acadamos moitos logros importantes. O primeiro, a aprobación duns orzamentos históricos que se centran nas políticas sociais e en prestar atención a quen máis o necesita. Esa é a nosa prioridade e estámola desenvolvendo grazas a unha rebaixa substancial da débeda, que fai que a día de hoxe o Concello pertenza máis aos veciños de Lalín e menos aos bancos. Outro aspecto moi positivo é o enorme traballo que estamos a facer para a recuperación dun rural que estaba completamente abandonado e que pouco a pouco comeza a rexurdir. E, por suposto, a democratización do concello tras una etapa de lamentable opacidade. Conseguimos elevar a calidade democrática de Lalín e o nivel do debate público. Hoxe a xente non ten medo de dicir o que pensa ou de presentarse a unhas eleccións, como as de alcalde de barrio, cunha enorme participación e implicación veciñal. É un cambio tremendamente significativo do que me sinto especialmente orgulloso, un dos grandes legados deste goberno no seu primeiro ano. Na parte das sombras, o peor é ser consciente de que non podemos resolver todas as cuestións que nos piden. Pero non porque non queiramos, senón porque a marxe de manobra dun concello é limitada e hai que priorizar.

--Arrepíntese de algo? Se é así, de qué?

--Arrepentirme, literalmente, non. Aínda que hai cousas mellorables que, sobre todo, veñen derivadas de que a acción do goberno ten certos límites competenciais que non se dan saltado. Pero non hai ningún tema que fose o suficientemente importante para arrepentirme ou pensar que metemos a pata.

--Que nota se poñería a si mesmo e cal a cada un dos seus tres socios?

-A min mesmo non me vou poñer nota. Iso corresponde aos cidadáns. Con respecto aos meus socios de goberno estou altamente satisfeito co seu traballo, tanto a nivel político como persoal. Seguiremos nesta senda con toda seguridade nos próximos anos.

-E á oposición?

-Á oposición póñolle un 10. Creo que é a oposición ideal para alguén que, coma min, ten un proxecto de goberno a oito anos. Estou moi agradecido polo seu traballo.

-Como influiu o cargo na persoa? Qué diferencias hai entre o Rafael Cuiña de hai un ano e o de agora?

-Son unha persoa que dorme bastante menos e cun nivel de estrés bastante superior ao que tiña hai un ano. Polo demais, sigo a ter os mesmos amigos e sigo sospeitando das mesmas palmadiñas no lombo. O que si noto é que a xente se achega moito máis a min para falar con toda naturalidade. É o tipo de política que aprendín na miña casa e a que máis me gusta: a política de proximidade ás veciñas e veciños.

-Xa tivo que afrontar unha crise de goberno marcada polas discrepancias entre APAC e BNG, unha ferida enquistada de vello que semella dificilmente cicatrizable...Cre que vai acabar o mandato gobernando coa actual maioría

-Estou convencido de que si. Danse todas as circunstancias sociais e políticas. É una demanda da cidadanía que este goberno de integración permaneza. Nun ano houbo una mínima crise, na que eu creo que se tivo que ser máis xeneroso co BNG. A sociedade ten que empezar a ver algunhas cuestións como as dedicacións exclusivas doutro xeito. Hai moito cinismo social sobre isto. Unha persoa cunha dedicación de 1.500 euros cobra pouco máis que alguén que adica algunhas horas ao Concello e o compatibiliza co seu traballo privado. Coido que o que pasou co concelleiro do BNG non foi nin xusto nin necesario.

-Cales son os problemas principais dos lalinenses e que está a facer o seu goberno para solucionalos?

-O principal é o paro. Pero os concellos non temos competencias en materia de emprego. Porén, o Goberno de Lalín está a ser pioneiro á hora de intentar asumir competencias e poder destinar cartos públicos a segmentos especialmente afectados polo paro, como a xente moza e os parados de longa duración. Estes son os problemas que realmente importan á xente de Lalín, e non outros creados artificialmente. A veces dá a sensación de que algúns intentan que se visualicen cuestións menores, que non son as que realmente importan a cidadanía e que son as que nos estamos intentando solucionar.

-Mantén o seu propósito peatonalizador ou, á vista de certas resistencias sociais, vaino tomar con máis calma

-Estou convencido de que vostede lembra que hai un estudo estratéxico para o comercio de Lalín. E o Goberno vai facer o que diga este estudo. Tamén con respecto ás zonas peonís. Eu creo que as vilas son para as persoas e non para os coches, pero se facemos unha aposta decidida na que empregamos 26.000 euros de cartos públicos entendo que haberá que facer o que diga ese estudio. Hai certas reticencias e tamén xente moi a favor e que nos pide que peonalicemos outras zonas. Entendo que non é un tema na que o 100% vaia estar cunha opinión determinada, e a min gústame que haxa debate. Tamén hai novos negocios nas zonas peonís do centro, o que é un bo sinal. Pero insisto en que faremos o que diga o plan estratéxico.

-A declaración de aconfesionalidade foi un dos asuntos que máis debate social causou e máis sensibilidades feriu... Era, realmente, necesaria

-Insisto en que non. Sorpréndeme que os medios leven un mes falando deste tema cando era un punto nun pleno no que ían nove mocións máis. Eu intentei que non se fixera ruído con isto porque son católico e en Lalín non vai cambiar nada. Por contra, algúns pretende insistir en cuestión menores en vez de en plans de emprego que importan á xente e que teñen menos visualización. Creo que a cidadanía está de acordo comigo en que hai asuntos, como o de emprego, moito máis importantes que este. Por moito que algúns pretendan seguir enredando co tema.

-Hai quen pensa que vostede pretende estar na misa e repicando...

-Eu a misa vou case todos os domingos. Bastante máis que algúns que critican, dende posicións vitais amorais, cuestión recollidas na Constitución. Estou indo de misa polas diferentes parroquias e a xente está encantadora comigo. E, de feito, "repico" con moitos deles ao saír de misa.

-Lalín segue no fío da navalla dos 20.000 habitantes que lle garantizan a actual categoría municipal e non parece que a situación vaia mudar...

-Conseguimos pasar de 20.004 a 20.074. Agora temos que intentar conseguir que volvan empresas importantes a investir en Lalín e que atraían máis xente. Perder a categoría é un risco que temos, pero non só nós. O outro día falaba co alcalde da Estrada da súa preocupación pola perda de poboación. É moi difícil facer políticas neste sentido, pois temos un problema de natalidade moi importante en Galicia. Xa Fraga nos 90 trataba de facer políticas de natalidade que non deron resultado. O demográfico é un problema moi grave e que non só afecta a Lalín.

-A solución pasa pola fusión con Dozón, que a penas rebasa o milleiro de empadroados? Non é pan para hoxe e fame para mañá?

-A solución é moito máis complicada que o que plantea esta pregunta. O de Dozón, máis que polos habitantes, é porque eu creo que concellos desta dimensión non teñen ningún sentido. Coido que temos que ir cara una fusión razonada e razoable de concellos. É o propio do século XXI. Sempre digo que o que non se queira facer polas boas, a veces a crise, como pasou en Grecia, pode chegar a impoñelo polas malas.

-No histórico traspaso de poderes de hai un ano abriu unha etapa de duros enfrontamentos entre o seu goberno e a oposición que transcende á sociedade ata o punto de crear certa sensación de guerracivilismo... Non están indo demasiado lonxe?

-Vendo a situación doutros concellos creo que hai certa normalidade. Teño que recoñecer que houbo episodios perfectamente evitables. A min o que máis me molestou foi a utilización de Xosé Cuíña por parte da xente do seu propio partido para intentar facerme dano a min. A partir de aí creo que as relacións son razoablemente normais. Teña en conta que aquí hai un grupo da oposición que sempre estivo no poder e que agora estase adaptando á circunstancia cambiante. Iso non sempre é fácil.

-Que parte de culpa asume?

-Asumo a miña parte alícuota de culpa e recoñezo que neste sentido debemos mellorar porque é o que nos piden os lalinenses. Crespo durante anos foi un bo alcalde e amigo meu, pero perdeu un pouco o norte nos últimos tempos. Isto non quere dicir que na historia de Lalín o seu balance non sexa máis positivo que negativo. Quero recoñecelo así..

-O seu goberno desvelou supostas prácticas ilegais da etapa de José Crespo, pero non foi máis alá. Teñen previsto acudir á xustiza

-No tocante a CxL non nos gusta xudicializar a vida pública, aínda que hai documentación sobrada nos caixóns como para facelo. Pero hai algún grupo no goberno que o está valorando porque teñen temas que lles afectan máis directamente. Insisto que polo que respecta a Compromiso non imos meternos nese tipo de cuestións.

Compartir el artículo

stats