Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Necrópole de Sete Camiños

Coa construcción do campo de fútbol foron arrasados dous túmulos

Gráfico sobre a estrutura dunha mámoa. // A.P.

Na liña divisoria que se extende entre Sete Fontes (arriba de Belelle), O Coto, Feás, castro de Donramiro, a Romea e o Alto da Pena (Donsión) téñense contabilizado, ao longo desta divisoria, unhas sete e dez mámoas, das que, na actualidade tan só se conserva unha nun souto situado entre Feás e Agruchave, a de Coto da Mámoa. A referida divisoria hidrográfica, duns 7,5 km de lonxitude e na que predomina a planitude, separa as cuncas fluvias dos arroios Cabirtas (antigo Berbia), polo norte e os afluentes de cabeceira do Portos-Riádigos, polo lado sur

No espazo ocupado polo campo de fútbol foron arrasados dous túmulos entre 1958-1962, cando se procedía á preparación do terreo, mediante roturación, para "practicas agrarias" do Instituto Laboral Ramón Mª Aller. Esa referencia foi recollida por Filgueira Valverde e García Alén na separata Adiciones a la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra. Inventario de Monumentos Megalíticos de 1977, publicada polo Museo Provincial. Aaparece, textualmente, a seguinte información: Donramiro, Santa María. O Empalme. En terrenos adquiridos para prácticas del entonces Instituto Laboral, al efectuar labores agrarias, un tractor levantó la losa de cubierta de una mámoa en la que aparecieron un recipiente de barro, hoy en paradero desconocido y un hacha pulimentada.

A escasa distancia deste lugar, ao Suroeste de Sete Camiños, aínda se conserva un microtopónimo, "As Mámoas", un prado no que existiron dúas ou tres mámoas, actualmente arrasadas e das que posiblemente se conserven varias lousas metidas en cerres de fincas cercanas. No Monte do Cotiño, situado por atrás (lado oeste) do cemiterio muncipal, houbo tres mámoas, das que unha, de escasa altura, aínda se conserva, outra foi arrasada e na terceira efectuouse unha escavación arqueolóxica en 2002 ao verse totalmente afectada pola autopista Santiago-Dozón.

O mámoa escavada, recoñecida como túmulo da Romea, proporcionou unha cantidade enorme de material arqueolóxico (3.183 pezas diversas), posibilitou datacións radiocarbónicas e os cambios observados na súa arquitectura permitiron comprobar diferentes etapas de uso do monumento ao longo da súa historia. No momento da escavación a mámoa estaba afectada polo paso dun camiño, presentaba un cráter de violación (saqueo da cámara no século XVII) bastante taponado e só se conservaba unha lousa da cámara, pero trala realización do traballo obtivéronse uns resultados extraordinarios, en canto a súa contribución ao coñecemento do megalitismo a nivel comarcal e rexional.A datación radiocarbónica máis antiga situaba a base do megalito no ano 3962 A.C. no Neolítico Medio e entre este período e o Neolítico Final (2679 A.C-) foron adscritos 365 anacos de cerámica (o 82% de toda a cerámica exhumada) pertencentes a 24 recipientes distintos. Durante a Idade do Bronce o monumento continuou en uso funerario, pero o número de anacos de cerámica localizados descendeu considerablemente (29 pezas, algunhas de campaniforme). A longa vida do monumento caracterizouse por presentar períodos activos e outros longamente pasivos, dato relativamente importante dado que, ata o de agora, non se tiña coñecemento de que mámoas sinxelas coma esta puideran ser usadas, reusadas e incluso retumuladas durante un espazo de tempo enorme.

Compartir el artículo

stats