O xurado do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela nomea ao escritor cercedense Ramón Vilar Landeira como o gañador da XX edición do certame pola publicación de tres artigos en prensa. Os membros do comité de seguimento do concurso aseguraron que a obra do literato foi escollida por unanimidade.

O xurado, que presidiu o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, estivo composto por Victoria Reimóndez Sanmartín, Enrique Otero Fernández, José López Vilariño e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo José Manuel Bouzas Blanco o cargo de secretario. Foron os membros do comité cualificador do certame os que escolleron a obra de Ramón Vilar pola "frescura, fluidez e estilo narrativo que mantén a atención do lector ao longo dos artigos".

Aínda que é Ramón Vilar quen consegue alzarse co premio, o xurado non esquece agradecer " a numerosa participación de artigos e autores e destaca, como nota salientable, a calidade dos traballos presentados no concurso".

Carreira profesional

Ramón Vilar é un amante das palabras ou iso demostra toda unha vida dedicada á escritura.

Aínda que el é licenciado en Filoloxía Galega, traballou durante varios anos en diversos medios de comunicación, entre eles, na edición de Deza-Tabeirós Terra de Montes do Faro de Vigo.

Foi no periodo comprendido entre o 2004 e o 2006 cando o escritor nado en Cerceda desempeñou a súa labor xornalística en FARO aínda que el non se ocupaba da actualidade estradense, senón das informacións dos veciños concellos de Silleda e Vila de Cruces.

El asegura botar moito en falta o xornalismo e a premura da escrita día a día pero tamén recoñece a dureza da profesión. Porén, non ten que esforzarse en recordar aqueles anos con ilusión e morriña, chegando a asegurar que foi unha etapa que marcou o seu carreiro vital e profesional.

Tamén é salientable a súa faceta como escritor posto que o 2014 é o ano en que Vilar publicou a súa primeira novela. De todas formas, actualmente non se adica profesionalmente nin ao xornalismo nin á literatura.

Acto de entrega

O próximo venres 25 de setembro celebrarase o acto de entrega do premio, encadrándose na XXIX Feira Internacional do Moble de Galicia. Está previsto que comece arredor das 19.00 horas, cando se lle fará entrega ao gañador dunha talla conmemorativa, un diploma acreditativo e os 1.000 euros dos que está dotado o premio.

O acto estará presidido polo alcalde de A Estrada, José López Campos, e tamén se contará coa presenza do secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García Gómez.

Ademais, antes de que se leve a cabo a entrega dos galardóns, farase unha ofrenda floral que correra a cargo de María del Carmen García Torres mentres que o presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia, Miguel Ángel Ríos Fernández, será este ano o mantedor da celebración.

Deste modo, Ramón Vilar coróase como o novo gañador do Premio Reimóndez Portela que segue, tras dúas décadas de camiño imparable, honrando a arte de facer xornalismo.