Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tabeirós-Montes: de onte a hoxe (IX)

A busca de parella tamén mudou considerablemente na comarca co paso dos anos

Parella de Millerada, ano 1870.

Hai anos as mulleres estaban orientadas cara o matrimonio pois era o xeito de ter unha vida máis ou menos digna economicamente. Por iso, para a muller conseguir ou cazar un home significa comprometerse ou casar con el, aínda que para o home conseguir ou cazar unha muller é ter trato sexual con ela.

O santo casamenteiro por excelencia é san Antón. A imaxe principal da capela do pazo de Oca é san Antón, que ten a cabeza extraíble, e dentro do oco onde se pon a cabeza as mozas casadeiras púñanlle antigamente un papel coas súas peticións.

Entre a xente con posibles tíñase en conta a situación económica da posible parella, polo que neses casos a voda era concertada polos pais e coa axuda dalgún mediador. Así en 1748 Juan de Silva, da casa de Silva en Arnois, tratou o casamento do seu fillo Andrés estudando as diversas ofertas. Tratou co dono da casa e torres de Road, que ofrecía 6.000 ducados de dote para casar a súa irmá. Tamén tratou co cura de San Fins de Estacas no Salnés, que tiña unha irmá sucesora no vínculo e un dote de 6.000 ducados. Tamén lle ofreceron casar cunha moza de Padrón sobriña do bispo de Quito Alonso de la Peña, que tiña 4.000 ducados de dote, pero Andrés pedía 8.000. Por iso, aceptou outra oferta que lle deu a coñecer un franciscano natural de Arnois, quen lle informou que a sobriña do cura de Calo ía ser sucesora dun vínculo en Bouzas e tiña un dote de 6.000 ducados, ademais o matrimonio quedaría a vivir na casa do cura quen tamén lle ofrecía 1.500 ducados para o dote das outras fillas. Juan aceptou esta oferta en contra da opinión da súa muller.

Era moi frecuente e típico da zona de A Estrada que casasen dous irmáns con dúas irmás doutra familia, o que se dicía casar "a troco", pois cada matrimonio quedaba cos dereitos hereditarios dunha soa das familias. Por exemplo, o 8 de agosto de 1762 fixéronse as capitulacións matrimoniais de Jacobo Otero e da súa irmá Dominga, fillos de Juan, o fundador do vínculo e morgado do pazo de A Mota, para casar "a troco" con Manuel e Mariña Pazos, veciños de Berres. En cada caso a muller renunciaba á lexitima que podía corresponderlle.

O primoxénito de cada casa era normalmente mellorado polos seus pais, pero coa condición de que casase coa súa aprobación, que fose "fillo de bendición", pois en caso contrario podía perder esa mellora. Os demais fillos, como non tiñan dependencia económica de seus pais, podían casar por amor aínda que iso non impedía ter en conta a situación económica.

Como agora, o mozo ou moza buscaba parella entre xente de parecida situación a ser posible na mesma parroquia. Pero no caso de xente fidalga ou nobre isto dificilmente era posible, de aí que tiveran que buscar, ou que lle buscaran, parella en calquera parte de Galicia ou mesmo de fóra. Por iso todas as familias fidalgas de A Estrada e de Montes están emparentadas nalgún momento, se ben tamén casan con xente doutras partes de Galicia. Por exemplo, os do pazo de Xerliz uns casaron na bisbarra como en Codeseda ou Santa Mariña de Ribeira, pero logo casaron en Millerada (Forcarei), Cerdedo e Santiago, e ultimamente en Beade (OU) e Pontevedra.

Antes como agora, a muller non sempre era virxe cando chegaba ao matrimonio e ás veces xa vivían xuntos, como se desprende desta advertencia do cura a Baltasara, filla do capitán Alonso Ogando Teixeiro, de Pardesoa; "hícele saber que no cohabitasen en tanto no se publicasen las amonestaciones".

Actualmente a muller busca a independencia económica co seu propio traballo, pois xa non pode buscar no matrimonio, como antes, unha seguridade económica, pois sabe que o matrimonio pode durar un intre. De aí que hoxe gran parte da xuventude, que xa non se guía polas orientacións relixiosas, forma parella á marxe do matrimonio e gozan da sexualidade mentres dura a atracción física, para cambiar de parella cando esa atracción decae. Agora a muller, se ten un medio de vida digno, permítese gozar dunha actividade sexual máis libre, o que contribúe a ausencia de prole por falta de compromiso. E o home acomódase a este xeito de vida pois normalmente prefire unha amante a unha esposa.

Ao buscar parella de xeito máis pasional e romántico son os propios interesados os que buscan a súa media-laranxa normalmente no entorno en que se relacionan profesionalmente, pero tamén a través dos chats de internet e axencias matrimoniais tipo edarling.es.

Compartir el artículo

stats