Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tabeirós-Montes. De onte a hoxe (VII)

Antes, como agora, había moitas vías para buscar ante a enfermidade o santo remedio

Santuario e Virxe do Corpiño. // Bernabé/Gutier

As enfermidades podemos intentar palialas, acudindo aos santos, a remedios caseiros, aos compostores ou aos médicos.

Nos séculos pasados ante unha enfermidade ou peste acudíase primeiramente aos santos. Temos santos avogosos para cada ocasión, como San Roque avogoso das pestes, Santa Isabel para as espullas, a Virxe do Corpiño para botar o demo fóra, san Ramón para os partos, santa Lucía para os males da vista, etc.

Así por exemplo cando o 25 de febreiro de 1850 se fixo público que a raíña española Isabel II estaba embarazada, pediuse que os concellos organizaran unhas rogativas públicas co fin de que tivese un feliz parto. En Forcarei tiveron lugar a partir do 3 de marzo, pois era domingo.

Tamén nos contou unha veciña da parroquia de Codeseda que tiña unha verruga nun dedo que a afeaba, polo que se ofreceu a ir camiñando a oír misa á ermida de San Bieito en Montillón da parroquia de Santo André de Souto e como obsequio ao santo levaba un capón. Pois resulta que chegando preto da ermida o capón dun picada, sen causarlle dolor, papou a verruga. Ante semellante milagre a señora oíu a misa con toda devoción.

O remedio á enfermidade tamén se podía buscar mediante remedios caseiros que ás veces só os menciñeiros sabían. Para as enfermidades de tipo respiratorio como catarros, bronquite ou pulmonía facíanse bafos de eucalipto, é dicir, fervíanse follas do eucalipto e unha vez fervidas vertíase a auga nunha almofía, tapábase un cunha toalla e metía a cabeza debaixo da toalla para respirar os vapores. Tamén se podía tomar á hora de deitarse un ponche a base de leite fervendo, á que se lle engadía unha boa cullerada de mel e un chorro de coñac, ou ben leite ou viño tinto con unto derretido. E nos casos máis graves poñíanse panos fervendo no peito e no lombo ou ben con sebo derretido de carneiro.

Loxicamente as plantas son unha fonte de remedios e delas se sacan moitas medicinas. Antes recollíase no campo a manzanilla, a menta, a herba luísa, ... para facer infusións sen ter que compralas no comercio, pero tamén se utilizaba o látex da celidonia para curar feridas, quitar verrugas e mesmo para a psoriase; e a ruda empregábase para calmar as dores de barriga e para provocar a menstruación, polo que as preñadas non podían tomala, so risco de abortar.

Importante é aínda o labor dos compostores, que sempre houbo e aínda os hai, para arranxar problemas sobre todo derivados de traumatismos. A súa habilidade para curar as dislocacións de ósos, subir a "paletilla" e mesmo encaixar de novo a queixada é recoñecida actualmente.

Falamos xa de superstición e non de remedio se nos referimos as prácticas como a de pasar a ovella. Cando algún meniño non durmía ben de noite, dicíase que tiña o sono cambiado, e para curarlle o mal, traíase unha ovella, e co neno posto no chan tapábase cun cesto e pasábaselle a ovella por riba.

Tamén en Santo André de Souto tiña lugar o que se chamaba tombos a Souto para curar aos nenos que non eran moi espelidos. Na igrexa parroquial, preto da porta lateral, atópase encaixada na parede unha placa de mármore, moi desgastada sen que se poida ler a inscrición e rematada cunha cruz, e baixo dita placa hai a tumba dun crego da casa de Paseiro de Souto. Unha persoa desta casa era a encargada de sacar o mal á persoa, fose maior ou meniño, mediante un feitizo que consistía en que o enfermo se deitase sobre a tumba do cura e logo rolase dun lado a outro, mentres o que celebraba o feitizo rosmaba unhas oracións.

E para rematar, neste contexto de superstición podemos falar de sacar aos rapaces o aire dos defuntos. Había unha señora do lugar do Outeiro na parroquia de Codeseda, que realizaba un ritual que tiña que celebrarse antes da misa do domingo. Nun barreño de cinc, mediado de auga, introducíase o rapaz ou rapaza espido, de seguido prendía unha vela bendita en xoves santo, comezaba cunha riola de oracións e meigallos e deixaba pingar a cera sobre a auga do barreño; o seguinte paso era coller unhas pallas de trigo que tiñan que estar benditas, e plantáballe lume, caendo as folerpas no barreño de cinc. Con esa auga, lavábase a criatura que se atopaba dentro do barreño comezándose a lavar de arriba cara abaixo para que o mal quedase na auga. Finalizada esta cerimonia collíase o rapaz e pasábase por riba do lume da lareira para afumalo, empregando ramas de loureiro e oliva, benditas o día de Ramos.

¿E nós a que ou a quen recorremos nos nosos males?

Compartir el artículo

stats