Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tabeirós Montes, de onte a hoxe (2). Fillos non desexados

Os fillos fóra do matrimonio eran frecuentes ao non haber métodos anticonceptivos fiables ou se a muller quería alguén que a coidara na vellez

T. Kennington, Orfos, 1885.

Antigamente, e xa entre os gregos e romanos, considerábase que os fillos debían ser o froito dun matrimonio, de aí a importancia que se lle daba a ser fillo lexítimo á hora de herdar, recibir compensacións económicas ou recibir honores.

Pero como non había métodos anticonceptivos máis ou menos fiables ou porque a muller quería un fillo que lle socorrese na vellez, os fillos fóra do matrimonio era moi frecuentes, segundo podemos comprobar nos libros de bautismo parroquiais. Os máis frecuentes son os fillos de muller solteira sen que se saiba o nome do pai, pero tamén hai algúns onde aparece o nome do pai, sexa este solteiro, casado ou clérigo. Ademais o cura procuraba saber de quen era fillo, como consta na parroquia de Parada cando Félix Leira Castro, sendo estudante tivo un fillo en 1734 de Dominga de Nodar, solteira, "según se me dijo a mi como cura, averiguando la raíz y causa del escándalo que esta mozuela causa a mis ovejas, sin poderlo yo remediar". E na parroquia de Oca naceu en 1673 un neno fillo do dono do pazo, que estaba casado e con tres fillos, sen embargo o cura e capelán do pazo asenta este neno dicindo que os pais estaban "ambos solteros".

Normalmente estes fillos non desexados eran criados pola nai, contando coa axuda da familia. Pero noutros casos o nenos eran abandonados diante dalgunha casa ou levados á "Inclusa" ou Hospicio do Real Hospital de Santiago (en Pontevedra non hai hospicio ata 1872). Así temos un exemplo literario na novela Maxina de Marcial Valladares, na que unha muller fidalga da á luz accidentalmente na casa dunha aldeá, tendo unha nena que levan á Inclusa, pero que logo esa paisana vaina buscar para criar, pois tiña un fillo de pouco tempo.

Se eran deixados no hospicio, como daquela non había leite maternal artificial, buscábase unha ama de cría entre as mulleres que deran á luz recentemente. As únicas que se podían negar eran as mulleres fidalgas ou nobres. Efectivamente, aleitar a un neno expósito era un sacrificio pero tamén tiña a súa contraprestación económica. A ama de cría externa -a que non estaba no Hospicio- recibía uns cartos que se lle pagaban trimestralmente, coa obriga de levar o neno para comprobación de que non morrera e así evitar fraudes. Pero con todo tamén podía darse o caso de deixar o propio fillo no hospicio, para ao día seguinte ir buscalo para aleitalo e dese xeito cobrar a axuda que se daba á ama de cría.

Actualmente as cousas cambiaron bastante. Hai fillos de solteira ou de parella non casada pero fillos que son buscados e/ou aceptados. Por outra banda xa non hai hospicios. Pero que pasa se non se acepta o fillo?

Ás veces son tirados ao lixo vivos ou mortos, e hai poucos meses en A Estrada apareceu un neno abandonado nun portal. Curiosamente nos xornais falouse de que a policía buscaba a seus pais, pois está penado abandonar os fillos, sen embargo ninguén -nin autoridades políticas, xudiciais ou relixiosas, nin ningún outro organismo- mencionou no xornal que hoxe como onte os pais poden deixar aos neonatos ao coidado das autoridades -sen ter que dar explicacións e sen ningunha sanción-, é dicir, tan sinxelo como deixalo no hospital onde presumiblemente debeu ser atendida a parturiente. Con todo durante 2013 en España houbo 300 casos en que a nai (ou os pais) deixaron seu fillo ao coidado do Estado.

Compartir el artículo

stats