Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tabeirós Montes, de onte a hoxe (1). Os Fillos

Antes tíñase descendencia para ser socorridos na vellez e ter herdeiros. O número de fillos era alto, máis nas familias poderosas

Muller embarazada.

Antigamente os nenos viñan "de París", excepto meu pai que dicía que como eran probes o fixeran na casa. Hoxe en día e desde os anos 70 podemos dicir que todos os nenos veñen do hospital, onde afortunadamente nai e fillos reciben os máximos coidados que se lles poden ofrecer.

Nos séculos anteriores buscábase ter descendencia para ser socorridos na vellez e deixarlle a herdanza, por iso non ter fillos era unha desgraza. Mesmo as mulleres solteiras ás veces buscaban ter un fillo por este motivo, aínda que outras veces chegaban a ser nais sen querer, pois como non había métodos anticonceptivos fiables, nacían un grande número de fillos "detrás do muíño", é dicir, ilexítimos.

Era crenza que a muller embarazada non podía tocar nin comer polbo para que o meniño ou meniña nacera sen anxiomas ou manchas. Tampouco debía pasar por debaixo dunha corda para que o bebé non afogase co cordón umbilical. E como maneira de buscar recoñecemento do seu novo estado e polo tanto de coidados especiais, tiña "antollos" que era preciso satisfacer para que a criatura nacese felizmente.

O parto tiña lugar na casa e a parturiente era atendida por algunha veciña afeita a estes labores, pois só en casos de grave risco se acudía ao médico. Como dar a luz era un grande risco polo que pasaban as mulleres, no concello de A Estrada adoitábase buscar as reliquias de san Ramón Nonato, avogoso nestes casos por ter nacido varias horas despois de morrer a súa nai. A casa de Silva en Arnois era propietaria dun relicario de san Ramón nos séculos XVII-XIX, que logo perderon. Curiosamente, o pazo de Oca, que queda preto de Arnois, ten actualmente un relicario en prata cun óso de dito santo.

Mortalidade no parto

A mortalidade por complicacións no parto ou no post-parto era grande, e así coñecemos casos como o de Ángela Reimóndez Silva, veciña de Oca, que o 16 de agosto de 1673 tivo un fillo do señor do pazo de Oca, Juan Gayoso, morrendo Ángela poucos días despois, xa que foi enterrada o 30 de dito mes. O neno foi criado seguramente polo seu pai, xa que chegou a brigadier e tenente-xeneral de Artillería.

É por iso que algunhas mulleres ricas, ao estar embarazadas, facían testamento polo que puidera pasar. Hai varios casos na familia da Casa grande dos Bermúdez de Castro ou dos Sangro en San Paio de Figueroa. Así, por exemplo, a muller de Carlos Sangro fixo testamento en 1634 cando estaba de oito meses do seu primeiro embarazo, e Ramona Saavedra, marquesa de Viance, de quen herdou Francisco de Sangro en 1811 varios morgados, tamén fixo testamento en 1770 estando embarazada, aínda que logo faleceu sen sucesión.

Logo tralo parto os veciños agasallaban á parida con chocolate, leite e galiñas, para que a súa recuperación fose rápida.

Daquela e aínda que a mortalidade infantil era significativa, o número de fillos podía ser catro ou cinco pero era máis numeroso nas familias poderosas. Así, no pazo de Correáns, en Santa Cristina de Vinseiro, ao longo das distintas xeracións o número de fillos oscila entre cinco e doce. E no século XVIII Pedro José Antonio Miranda Campelo, dono da casa de Araújo en Ponte Sarandón, tivo vinte fillos lexítimos.

Hoxe en día o feito de parir non significa un gran risco pero o número de fillos reduciuse drasticamente e poucos teñen máis de dous fillos. Aínda que a mortalidade infantil tamén diminuiu de maneira moi significativa, o número de habitantes estase a reducir non só no rural -onde as aldeas quedan despoboadas-, senón tamén a nivel xeral. As autoridades políticas din que ven isto con preocupación, non se sabe por que, quizais porque ao haber menos veciños tamén serán menos os concelleiros e menos os tributos que se poidan obter.

Curiosamente, como a maternidade se retrasou tanto, hai moitas parellas con dificultades para ter fillos, tendo que acudir en moitos casos á inseminación artificial. Afortunadamente a Natureza, que é moi sabia, trae en compensación moitos partos dobres.

Compartir el artículo

stats