José Luis Abeledo, "Bibí" - Artista e autor da exposición "Ferranchos"

´Todo é material en desuso ao que dou unha segunda vida´

"O de 'Ferranchos' vén, máis que nada, por miña nai que chamaba así ás miñas obras"

08.08.2013 | 07:31
"Bibí", onte, xunto a unha das súas obras no seu taller da rúa do Rodo. // Bernabé/Gutier
"Bibí", onte, xunto a unha das súas obras no seu taller da rúa do Rodo. // Bernabé/Gutier

O museo Ramón María Aller Ulloa de Lalín acolle dende este venres, día 9, a exposición Ferranchos, do artista lalinense Bibí. Unha colección formada arredor de 40 pezas nas que cerámicas, madeiras erosionadas e ferros envellecidos cobran gran protagonismo. Materiais que desempeñaron un papel fundamental na vida cotiá de antano e que, unha vez esquecidos e en desuso, agora coñecen unha segunda oportunidade grazas ao maxín deste creador.

-Que van poder atopar todos aqueles que se acheguen ao museo dende este venres?

-Unhas 40 obras a base de figuras xeométricas e materiais como a cerámica, o ferro e a madeira. A primeira foi feita en 2003 e o resto durante os últimos catro anos. Houbo unha época de moito menos traballo pero sempre seguindo a mesma liña marcada dende un principio: A recuperación de obxectos que foron útiles para a vida cotiá e deixaron de selo.

-De onde proceden os materiais que empregou para a súa creación?

-A maioría foi sacado da vivenda dos meus avós en Bermés e tamén de casas en ruínas. Rodas de madeira, ferros da cociña, ganchos dunha grade, visagras de portas... Todo é material en desuso do que eu boto man para darlle unha segunda vida. Dá pena que queden baixo os escombros ou vaian para o lume.

-Por que a colección se rexe a base de figuras xeométricas?

-Buscaba algo que fose agradable á vista e era o que mellor se me axeitaba para gravar sobre a cerámica. Así que resultábame máis fácil trazar liñas rectas ca curvas.

-Que é o que pretendente transmitir a través das diferentes pezas?

-Non responden a nada en concreto, a verdade. Simplemente, eu vexo un obxecto e trato de imaxinar que é o que podo facer con el. Sempre algo que sexa agradable, claro. Cada un despois xa sacará as súas propias conclusións.

-Encadraría a súa obra dentro dalgunha corrente artística?

-Non, non me encadro en ninguna. Nin é pintura toda en si, nin tampouco escultura. É unha escultura pintada e colgada.

-Houbo algunha fonte de inspiración en concreto que o motivase a levar a cabo esta obra?

-Non. Bebes de todo un pouco. A base de mirar, de ler e de ir a museos, algo sempre queda no subconsciente que despois aproveitas indirectamente. Pero non hai ningún referente claro.

-A que se debe o nome de Ferranchos para esta exposición?

-Por miña nai que dicía sempre "estou cansa de ver ferranchos por todos lados" ou "saca ese ferrancho de aí". Ademais, a propia palabra o di, calquera obxecto de ferro inservible e cheo de feluxe. Pero, máis que nada, foi por ela, que era así como chamaba ás miñas obras.

-Por que agora para a súa mostra ao público?

-Porque un montón de amigos de Lalín me pediron encarecidamente que o fixera. Viron algunhas das pezas, gustáronlle e animáronme a facelo.

-Despois de Lalín, serán expostas nalgún outro sitio?

-Supoño que si, depende da acollida que teña agora. En principio, unha vez finalizada a exposición aquí, estarán nun bar dun amigo de Santiago que mo pediu. Pero só unha ducia de pezas, non a colección completa.

-Que é o próximo despois de Ferranchos? Está xa a traballar nalgo novo?

-Agora estou preparando algo na mesma liña, pero con portas e ventás en desuso, que tamén dan moito xogo. Levo aproximadamente un ano; terei unha ducia de pezas, unha por mes. Pero sen présas.

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


 
Enlaces recomendados: Premios Cine