O 7 e o 11 de decembro de 1836, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra outorgáballe valor de lei á composición definitiva do partido xudicial de Tabeirós. Dende aquelas, Tabeirós ficaría integrado polos concellos de Forcarei, Cerdedo e Cereixo, culminando o proceso de establecemento da "Nova Planta" dos municipios constitucionais. O concello de Cereixo, a posteriori, pasaría a denominarse A Estrada (23 de xaneiro de 1841). San Xurxo de Cereixo é unha das 51 parroquias do concello estradense.

A división das provincias en concellos respondía ao mandado das Cortes de Cádiz (1812) e, en concreto, ao atinxido nos artigos 309 e 310 daquela Constitución, coñecida popularmente como "A Pepa".

Coa desaparición dos señoríos e xurisdicións, durante a primeira década do século XIX, o arciprestado de Montes, radicado na antiga provincia de Santiago e sometido ao arcebispado compostelán, foi dividido en cinco concellos ou distritos: Beariz, Cerdedo-Figueiroa (mais Folgoso, Parada e Pedre), Quireza (mais Castro e Tomonde), Dúas Igrexas e Soutelo-Presqueiras. Figueiroa, hoxe lugar e parroquia do concello de Cerdedo, chegou a funcionar como cabeza de municipio.

Polo Real Decreto do 27 de xaneiro de 1822 (cadrando co Trienio Liberal (1820-23)), Galiza fragmentouse en catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nacían as deputacións.

Durante a chamada Década Ominosa (volta ao trono de Fernando VII (1823-33)), as terras do actual concello de Cerdedo formaron parte do partido de Bemposta, adscrito á provincia de Vigo. As freguesías de Presqueiras, Pardesoa, A Madanela, Millarada, A Barcia, Caroi, Pedre, Beariz, Lebozán e Xirazga quedaban excluídas do dito partido. Bemposta, na actualidade, é unha aldea da freguesía de Rubín, pertencente ao concello da Estrada. O partido de Bemposta foi substituído polo de Tabeirós.

O Real Decreto do 30 de novembro de 1833 e o Real Decreto do 23 de xullo de 1835 (baixo a rexencia de María Cristina de Borbón (1833-40)) prescriben, respectivamente, o establecemento dunha nova división provincial (sendo Javier de Burgos Secretario de Estado de Fomento) e a institución de novos concellos. No ano 33, Pontevedra acadaba a nomenclatura provincial en detrimento de Vigo.

Mudaba, xa que logo, a organización territorial do Estado. As antigas sete provincias do Reino da Galiza (Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) foron, nunca mellor dito, borradas do mapa. Galiza perdía a súa condición de reino para maior gloria do reino de España. O liberalismo español incoaba un programa político que perseguía a construción dunha nación española única e indivisíbel, baseada no centralismo e na uniformización lingüística e lexislativa ao gusto de Castela. 180 anos despois, seguen "trabajando en ello".

No ano 1834 divídense as provincias en partidos xudiciais. Na Galiza, axústanse aos deslindes trazados para as novas catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Cerdedo inscríbese no partido xudicial de Tabeirós con capital na Estrada, localidade da que adoptará o nome no ano 1869, manténdoo até os nosos días.

En 1835, cando principian os traballos encamiñados a formalizar a "Nova Planta" dos concellos, a xurisdición de Montes se compuña de 24 parroquias e a de Tabeirós, de 25. A histórica bisbarra de Terra de Montes aglutinaba, "grosso modo", as parroquias que hoxe se distribúen entre os concellos de Cerdedo, Forcarei e o ourensán de Beariz.

En agosto de 1835, unha comisión, nomeada polo gobernador civil e presidida por Agustín Ruiz de Quintana, elabora un proxecto de división municipal do partido de Tabeirós, no que se contemplan os seguintes concellos: Vea, Codeseda (no que se incluían, entre outras, as parroquias de Quireza, Castro, Tomonde e Pedre), Oca, A Estrada e Cerdedo (no que se incluían dezaseis parroquias: Aciveiro, Dúas Igrexas, Montes, Ventoxo, Castrelo, Figueiroa, Folgoso, Forcarei, Millarada, Parada, Pereiras, Presqueiras, Pardesoa, Quintillán, Meavía e Cerdedo).

En setembro de 1836, o deputado do partido de Tabeiros, Juan Antonio de la Vega trasládalle ao xefe político da provincia o proxecto reformado. No mesmo, o partido de Tabeirós constituíase dos seguintes concellos: Foxo-Corvelle, Orazo, Forcarei, Cerdedo (9 parroquias), Codeseda, A Estrada, Vea e Berres.

O 27 de outubro de 1836 faise pública a proposta definitiva. O partido de Tabeirós quedaría dividido en tres concellos: Cereixo (cabeza de partido, 51 parroquias), Forcarei (11 parroquias) e Cerdedo (composto por 9 parroquias, 822 veciños e 3.563 almas). Mentres non se dotase a Cereixo das instalacións necesarias, A Estrada seguiría asumindo as funcións administrativas. Até hoxe.

O concello de Cerdedo comporíase, tras a reforma, de nove parroquias: Cerdedo (San Xoán) (capital), Quireza (San Tomé), Castro (Santa Baia), Tomonde (Santa Mariña), Figueiroa (San Martiño), Pedre (Santo Estevo), Parada (San Pedro), Castrelo (Santa Mariña) e Folgoso (Santa María).

No ano 1872, a parroquia de Castrelo segrégase de Cerdedo e pasa a formar parte do concello de Forcarei. O concello de Cerdedo estruturado en oito parroquias ten, pois, unha vixencia de 141 anos.

O 20 de febreiro de 1997 (Decreto 65/1997), o Goberno da Xunta, aprobará o mapa comarcal da Galiza, facendo cadrar o partido xudicial de Tabeirós coa comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

A enxurrada reformista emprendida polos Borbóns foi oportunamente contestada polo pobo galego, cando menos por aqueles galegos conscientes dos perigos que ameazaban o noso feito diferencial. Agromou así o movemento coñecido por provincialismo, antecedente do galeguismo e da ideoloxía nacionalista e promotor do Rexurdimento da nosa literatura.

O ideario provincialista, en prol do enxalzamento da Galiza, reivindicaba a unidade administrativa, social, cultural e económica do país; autonomía gobernativa e facenda propia. O seu adaíl foi o xornalista Antolín Faraldo. O levantamento militar encabezado polo comandante Miguel Solís en Lugo (2 de abril de 1846) e o seu funesto desenlace (Mártires de Carral) significou o momento culminante daquel fito histórico, denominado por Murguía como "A Grande Obra".

Aínda trinta anos despois da publicación no BOPPO da nova composición do partido xudicial de Tabeirós, publícase íntregra no xornal vigués "El Miño" (Periódico de Comercio y de Intereses Generales) do 19 de abril de 1866, a proposición de ley presentada ao Congreso o primeiro de abril polo deputado por Pontevedra Justo Pelayo Cuesta, cuxo primeiro artigo dicía:

"Queda suprimida la provincia de Pontevedra, cuyo territorio se distribuirá entre las dos limítrofes de A Coruña y Ourense, de manera que la línea divisoria entre ambas sea la trazada por el curso del río Lérez desde su desembocadura en la ría de Marín hasta el punto de su confluencia con el arroyo Vilapouca, en la parroquia de San Xoán de Cerdedo; y desde este punto seguirá la divisoria por entre las feligresías de Santo Estevo de Pedre, San Xoán de Cerdedo, Santa María de Folgoso, San Nicolao de Ventoxo y Santa María Madanela de Montes, al Sur, y las de Santa Baia de Castro, San Martiño de Figueiroa, San Pedro de Parada y San Mamede de Millarada, al Norte, hasta tocar en el límite actual de las provincias de Ourense y Pontevedra, en el desfiladero de la Portela de Lamas?".

No artigo segundo, o deputado Cuesta propuña pasar a Forcarei as parroquias cerdedenses de Castro, Castrelo, Figueiroa, Parada, Quireza e Tomonde; recibindo Cerdedo as forcareicenses de Ventoxo, A Madanela, Pardesoa e Presqueiras. Así mesmo, o concello de Cerdedo deixaría de pertencer a Tabeirós para integrarse no partido do Carballiño.

É evidente que a proposición de lei non prosperou, mais, se frutificase, dende o 1 de xullo de do ano 1866, un Cerdedo ourensán limitaría ao norte -o río Lérez polo medio- coa provincia da Coruña, e os veciños de Castro, Figueiroa, Parada, Quireza e Tomonde, amais de forcareicenses serían, probabelmente, seareiros do Dépor. Como diría miña avoa, canto esforzo para acabar morréndolle á porta.