A finais do século XIX, o proceso de industrialización interno de Galicia deriva nunha reactivación da demanda de estaño, especialmente usado na preparación de lata e soldadura na puxante industria conserveira galega. Tamén teñen importancia as condicións da demanda internacional de metais considerados estratéxicos, como é o caso do volframio. Nesta situación, e seguindo un proceso parecido ao doutros establecementos mineiros españois, prodúcese un importante investimento de capital británico.

Deste xeito, un inglés, T.F. Burbury, con intereses mineiros na mina de San Finx (Lousame, A Coruña) dende 1880, solicita o 18 de xaneiro de 1888 a concesión Sidón, tendo a mesma extensión que Tiro, é dicir 18 hectáreas ou pertenzas mineiras, e sendo outorgada para o beneficio de volframio. A solicitude da citada concesión Sidón suscitou a apertura dun expediente no entón concello de Carbia (hoxe Vila de Cruces) pola oposición dos veciños. Estas protestas foron resoltas aos dez días da súa presentación de forma favorable para o solicitante do dereito mineiro. O 16 de xuño de 1892, T.F. Burbury solicita a concesión Sidón Pequena, sendo outorgada o 11 de novembro de 1893, constando de 5 pertenzas mineiras (5 hectáreas) para o beneficio de estaño e outros.

En 1895 M.A Hermida solicita a concesión Angelita, sendo outorgada, para beneficiar volframio. Esta concesión conta cunha extensión de 5 hectáreas e atópase na marxe esquerda do río Deza, fronte ás concesións antes citadas. A concesión é adquirida por Robert Banks Lavery en 1898.

Neste mesmo ano fai aparición en Fontao H.W. Burbury, sobriño de T.F. Burbury, o cal, uns anos antes, se afincara na localidade de Noia (A Coruña) para facerse cargo dos intereses familiares nas minas de San Finx (Lousame). En agosto comeza a solicitar concesións mineiras que acaban sendo outorgadas: Ampliación a Angelita o 16 de maio de 1899, Ampliación e Angelita Nº 3 o 21 de setembro, Tiro Segundo e Angelita Segunda o 24 de setembro e Demasía Primera a Sidón Pequeña o 7 de xullo de 1902. Por outra parte, o 3 de xuño 1907, sendo xa conselleiro da compañía The San Finx Tin Mines Limited solicita a concesión Lavery en representación de Robert Banks Lavery, sendo outorgada o 18 de novembro de 1908.

En 1897 constitúese en Londres a compañía The San Finx Tin Mines Limited co obxecto de explotar as minas de San Finx no Concello deLousame (A Coruña) e as de Fontao no Concello de Vila de Cruces (Pontevedra), por aquel entón Carbia.

O capital social é de 75.000 libras esterlinas dividido en accións dunha libra. A empresa estaba dirixida por William Copeland Borlase como director xeral, John Henry Mortimer Scott como administrador,Fraser Sandeman como administrador e Frederic Charles Bell como secreatrio suplente. O principal accionista era Robert Banks Lavery, que achegou a cantidade de 6.000 libras, ocupando durante tres anos o cargo de superintendente.

Para levar a cabo a explotación de Fontao, a compañía adquire o 22 de maio de 1897 a concesión Tiro aos herdeiros de T.F. Burbury, así como Sidón pequena e Sidón. Pola súa banda, Robert Banks Lavery adquire a M.A. Hermida, en 1898, a concesión Angelita. A explotación destas concesións comeza en 1899.

H.W. Burbury pasa en 1900 a desempeñar o cargo de director xerente na nova compañía. En 1906, T. W. Burbury vende a Robert Banks Lavery as concesiones das que é titular en Fontao. Finalmente, en 1909, a compañía despréndese das súas concesions en Fontao, vendéndoas a W.F. Marreco.

Entre 1910 e 1912, Carlos Blüthner Lessner, responsable da planta de Carril, denuncia tres novas concesións: Ampliación a Lavery, Angelita Nº 5 e Demasía a Angelita Nº 5.

O día 17 de xaneiro de 1912, Robert Banks Lavery adquire a Walter Freire Marreco as súas concesións mineiras en Fontao.

En 1914, outórganselle a Robert Banks Lavery as concesións Pontevedra, Demasía a Angelita e Demasía a Pontevedra. Este mesmo ano asume a dirección da mina o enxeñeiro Rafael Sáenz Díez. En 1916 falece Robert Banks Lavery, quedando os dereitos mineiros de Fontao en mans do seu testamentaría.

En 1920 outórganse a concesión María Luisa e Manuela a Enrique Núñez Vázquez e Carlos James Gould, as dúas posteriormente adquiridas por Rafael Sáenz Díez e fillos de Olimpio Pérez. En 1921, unha nova compañía a Compañía Mineira Galaica, capitaneada polo anteriormente citado Sáenz Díez, solicita unha nova concesión: Malaya, sendo outorgada o 6 de marzo de 1923.

En 1923, Carlos Blüthner Lessner xa é xerente do grupo mineiro de Fontao, pertencente á testamentaría de Lavery tras a súa morte. Nesta época, solicita a concesión Angelita Nº 2 séndolle outorgada o 12 de febreiro de 1925.

Tras varios intentos por parte de capital galego por facerse co control do xacemento, faise cargo da mina o capital francés mediante unha nova compañía constituida en 1927, finalizando deste xeito a presencia inglesa en Fontao.