Non á corta discrecional de carballos en Cerdedo

Raia na esquizofrenia promocionar Cerdedo como paraíso terreal e, ao mesmo tempo, cismar en arrasalo coa motoserra

 08:07  

Os franceses empregan o "Tour" para presumir de país e fan ben. Pola nosa banda, todo o que nos identifique como pobo haberá de supeditarse á ditadura do "gol de Iniesta". Raia na esquizofrenia promocionar Cerdedo como paraíso terreal e, ao mesmo tempo, cismar en arrasalo coa motoserra. Cómprenos, polo noso ben, que impere a cordura en Cerdedo. É evidente que a sentenza de morte asinada para os carballos de Cerdedo non responde ao cumprimento da lei, senón a un censurábel afán recadatorio, desesperada medida dun Concello que non ten para mandar tocar un cego.

CALROS SOLLA - CERDEDO Tras o pan noso de cada día, boto unha soneca no "chesslong", mentres os esforzados ciclistas (algúns, máis esforzados ca outros) coroan os cimeiros "de la France". Recoñezo que, de cando en cando, no meu entresoño, dáseme por abrir un ollo, non tanto para recrearme con fugas, abanos ou demarraxes, senón para gozar da primorosa paisaxe da Galia. Manteño a mirada e por parte ningunha albisco os efectos da paranoia arboricida que devasta hogano o concello de Cerdedo.
É cuestión irrefutábel que os franceses empregan o "Tour" para presumir de país, e fan ben, é lexítimo gabarse dos réditos dunha asisada xestión dos valores naturais e culturais; é edificante promover o turismo deste xeito. Pola nosa banda, todo o que soe a cultura propia, todo o que nos identifique como pobo, todo o que valla para encher de orgullo o noso peito haberá de supeditarse sen remedio á cutre ditadura do "gol de Iniesta". Sexamos realistas, raia na esquizofrenia promocionar Cerdedo como paraíso terreal e, ao mesmo tempo, cismar en arrasalo coa motoserra.
O carballo (Quercus robur L.) é un espécime arbóreo caducifolio característico do clima atlántico. É unha árbore de porte maxestoso e ampla copa que pode atinxir séculos de vida. O carballo é a árbore por excelencia da Galiza, un dos símbolos nacionais; innúmeros lugares e entidades de poboación foron bautizados co seu nome: Carballo, Carballedo, O Carballiño...
É costume entre os galegos marcar os carballos, aseñorármonos deles riscando cunha gubia na súa codia o signo propietario, o sinal da casa. Eu mesmo refresquei, xacando, as nosas marcas nos carballos da carballeira de Meilide, mais, a lonxevidade da árbore sempre me fixo pensar que non somos nós os que posuímos o carballo, senón que é o carballo quen nos posúe a nós. A demouca dos carballos, feita con sentidiño, pode seguir fornecendo de leña os nosos lares.
Etimoloxicamente, a palabra carballo deriva da raíz celta "kar-" que levaría a definilo como "planta rexa que medra entre as pedras". O froito do carballo é a landra, lambonada de xabaríns. A maiores, para se protexer dos insectos parasitos, a árbore desenvolve nas pólas unhas excrecencias arredondadas: os bugallos e os carrabouxos, antigo enredo de crianzas.
A importancia ecolóxica do carballo é transcendental. Centos de vertebrados e invertebrados sobreviven grazas á súa venturosa presenza: penso nas vetustas vacalouras, en perigo de extinción. O carballo foi a árbore sagrada dos devanceiros celtas e segue sendo sagra para os contemporáneos. Os antigos cultos e ritualidades vencellados aos carballos foron cristianizados pola Igrexa, véndose incapaz de erradicalos. Moitos son os templos construídos ao pé dun carballo selleiro ou no seo dunha carballeira.
Finalmente, o carballo é unha planta pirófuga, é dicir, un vexetal que torna o lume. As carballeiras constitúen unha eficacísima barreira natural que dificulta o avance das lapas. Pola contra, os subvencionados plantíos de eucalipto ?o denominado "deserto verde"? son a causa dos pavorosos incendios que, sen medios de prevención e extinción efectivos, acaban levando por diante, dolorosamente, a biodiversidade, as nosas pertenzas e, así mesmo, vidas humanas. Para os de Cerdedo, estas explicacións deberan ser abondas.
Cómprenos, polo noso ben, que impere a cordura no Concello de Cerdedo. A infalibilidade non é unha calidade inherente ao servidor público. Por moi alta consideración que un teña de si mesmo, o erro sempre rolda a porta de quen administra o que é de todos. Esa é a razón pola que, en democracia, o labor de oposición é tan relevante coma o labor de goberno e, mormente, cando, como no caso de Cerdedo, as endeusadoras maiorías absolutas impiden escoitar o pobo que apenas se pronuncia por medo ás represalias.
É evidente que a sentenza de morte asinada para os carballos de Cerdedo non responde ao fidel cumprimento da incumpríbel Lei 3/2007, senón a un censurábel afán recadatorio, desesperada medida argallada por un Concello que, segundo consta, non ten para mandar tocar un cego. A crise estase configurando como xuíz insubornábel.
Din as malas linguas que o emperador Nerón, absorto na contemplación do incendio de Roma, canturraba o poema "O saqueo de Troia". Xa antes, Calígula nomeara cónsul o seu cabalo. Os carballos non teñen culpa.

Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »
Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »
Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona | Diario de Ibiza | Diario de Mallorca | Empordà | Información | La Opinión A Coruña | La Opinión de Granada | La Opinión de Málaga | La Opinión de Murcia | La Opinión de Tenerife | La Opinión de Zamora | La Provincia | La Nueva España | Levante-EMV | Mallorca Zeitung | Regió 7 | Superdeporte | The Adelaide Review | 97.7 La Radio | Blog Mis-Recetas | Euroresidentes | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya