Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cambados adícalle máis de tres horas de lectura continuada á obra da homenaxeada nas Letras

Estudantes, directivos sociais e deportistas len fragmentos de libros de María Victoria Moreno

Un momento da lectura pública, no Paseo da Calzada. // Noé Parga

O Concello de Cambados celebrou a media tarde de onte un dos actos centrais da súa programación das Letras Galegas, como foi unha lectura pública da obra da homenaxeada este ano, María Victoria Moreno. O concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, fixo ao rematar o acto un balance moi positivo do mesmo pola alta participación. "Noutras ocasións é preciso introducir un acompañamento musical entre as intervencións para facer tempo, pero hoxe (por onte) non foi necesario. Houbo xente que acudiu e que marchou sen ler porque non houbo tempo para todos", afirma o edil.

O Concello mercou a obra completa publicada de María Victoria Moreno, e colocou todos os libros en dúas mesas, dispostas no Paseo da Calzada. Algunhas das persoas que ían ler xa traían da casa escollido o fragmento que recitarían, pero a maioría elixiuno alí mesmo, despois de follear os volumes dispostos nas dúas mesas.

A lectura comezou ás cinco da tarde, e prolongouse ata pasadas as oito. Estaban convidados á mesma representantes das asociacións de veciños; de colectivos culturais, como Xironsa, Con de Xido ou Volandeira; de clubes deportivos, como o Xuven de baloncesto, o XAV de voleibol ou o equipo de fútbol gaélico; ou membros de asociacións de pais de alumnos.

Tamén acudiron persoas a título persoal, como o escritor Ramón Caride, o historiador Xoán Antonio Pillado Silvoso ou o profesor Manuel Núñez. Leron asimesmo varios nenos, e tamén o fixeron a dúas voces pais con seus fillos.

"Pasaron tres horas e nin nos demos conta", sostén Víctor Caamaño, ao tempo que sinala que as intervencións eran heteroxéneas, sendo as máis longas duns dez minutos, no caso daqueles lectores que escollían un conto completo.

A programación das Letras Galegas do Concello de Cambados prosigue hoxe ás 19.00 horas cunha función de teatro no Auditorio da Xuventude. A compañía Redrum Producións porá en escena a peza "A nena que quería navegar". Trátase dunha comedia musical sobre o acoso escolar, protagonizada por unha nena que fuxe do colexio.

Pola súa parte, os alumnos da escola de música e do Conservatorio farán varias actuacións hoxe e mañá nos cambios de clase.

Compartir el artículo

stats