A escritora Rosalía de Castro inda pervive en moitos corazóns, entre eles os das persoas do mar. Onte esas persoas quixeron demostralo remontando o río Ulla en dornas a vela, a embarcación máis utilizada polos mariñeiros na época na que ela viviu. Un total de dezaseis dornas da Illa, Cambados e O Grove saíron a ritmo da música que tocaba a banda de Valga da pequena praia fluvial que existe en Vilarello, no Concello de Valga, coa proa apuntando cara Padrón para homenaxear á escritora. Vento e río tamén quixeron colaborar nesa travesía, ofrecendo unha navegación espectacular pola zona máis navegable e permitíndolle aos mariñeiros realizar un par de bulinas que, con outro tipo de situación, serían impensables no Ulla.

O último tramo da travesía, que levaba o nome de "Que inchadiña branca vela" fíxose coa forza dos remos. A bogar foi como pasaron as catro últimas pontes que se atopan antes de chegar á beira de onde se celebraba a homenaxe que impulsa a Fundación que leva o nome da poetisa, catro pontes que se atopaban ateigadas de público para ver a travesía.

Cos acordes do himno do antigo reino de Galicia, os mariñeiros desembarcaron para levar ata o monumento a Rosalía a dorna que leva o nome da escritora. Cos remos levantados cantouse o himno, un dos momentos máis emotivos da celebración e que culminou cunha morea de aplausos por parte do numeroso público que asistíu ao acto diante da estatua de Rosalía situada no Espolón de Padrón.

O director da Escola de Navegación Tradicional, Salvador Allo, recoñecía que "foi un acto moi emotivo no que levamos dous anos participando e que esperamos que teña continuidade no tempo durante moitos máis".

A actividade celebrouse por vez primeira o ano pasado. Foi unha iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar á autora que, en "Cantares Gallegos", falaba das dornas que remontaban o río Ulla no seu tempo.

O regreso das dornas foi ás 19,00 horas. Así o obrigaba a evolución das mareas xa que despois a navegabilidade do río veríase reducida de forma considerable. Ese regreso finalizou onde todo comezara cinco horas antes, nas inmediacións da praia de Vilarello.