Opinión

As estrelas da Liorta

Visto así, como que lle falta aquel. Pola contra, se o poño en inglés, quen máis quen menos saberá do que se trata: “Brawl Stars”. Sí, ese xogo ‘online’. Ese pedazo de divertimento que mantén fronte á pantalla á rapazada entre 12 e 16 anos. A diferencia do ‘Fornite’ (exitazo na prepandemia), este xógase no móbil co cal o acceso é inmediato. En calquera lugar. Só se precisa do teléfono, conexión á rede e dedos rápidos. Coma sucede dun tempo a esta parte a mecánica de todos os entretementos xuvenís masivos é sinxela, hai que matar ao resto e gañas a partida. Sí, tamén os hai de fútbol e a versión máis atraente seica está sendo a que chaman “sen faltas”, só se pitan os foras, patadas e empurróns, cantos queiras.

De tanto escoitar falar de ‘Fornite,‘ en certa ocasión sentei a ver que me perdía e sorprendeume a facilidade empregada por aquel xogador de 12 ou 13 anos –que estaba á miña fronte– para matar uns tipos de negro aos que denominou zombis. Había máis modos de participar. Por exemplo, no canto de liquidar a aquelas sombras podíase loitar contra outros xogadores, ata cen, e gañaba o último supervivente. Ou competir por equipos para lograr o mesmo fin. E aínda algunha opción de exploración pero sen interese; as que el e os seu amigos máis frecuentaban eran sempre as de cargarse peña. Unhas veces empregaba un lanzagranadas, outras unha metralleta e incluso podía escoller diferentes tipos de pistolas, catanas, rifles de asalto... a variedade de armas dispoñibles abafaba. Como dicía, o gran salto de ‘Brawl Stars’ (líder de descargas deste último par de anos) foi ter un xogo de semellantes características ao vicioso ‘Fornite’ pero de peto.

“O gran salto de ‘Brawl Stars’ (líder de descargas deste último par de anos) foi ter un xogo de semellantes características ao vicioso ‘Fornite’ pero de peto”

Rebusquei sobre estas compañías e topeime con que a creadora de ‘Fornite’ é Epic Games, empresa norteamericana. A propiedade está repartida entre o fundador de Epic, Tim Sweeney (>50%) e a tecnolóxica chinesa Tencent (40%). No caso de ‘Brawl Stars’ foi creada por Supercell. É curioso porque este negocio dos videoxogos move cifras millonarias, e tamén –sospeito– fomenta certos valores e comportamentos (estilos de vida) que nos desfán como sociedade. Se cadra estou errado, pero nisto do comportamento penso, en concreto, no neno que a semana pasada en Vantaa (arredores de Helsinki, Finlandia) matou a tiros a un compañeiro de clase ca pistola dun familiar e feriu a dúas rapazas máis. Os catro tiñan doce anos.

Ah!, esquecía, Supercell é unha empresa finlandesa especializada en xogos para móbiles. Fundada en Helsinki, a propietaria é Tencent, desta vez ao 100%. Finlandia tamén é o país da UE con máis armas, unha por cada tres habitantes. Si, casualidades.

Suscríbete para seguir leyendo