Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Os sitios de Berta

Ela dictaba un curso sobre pintura e feminismo. No Romil. Fumaban os asistentes na beirarrúa. Berta, cun grupo. E unha rápida conversa. O tema nunca resolto dos Delaunay en Vigo. Sonia Delaunay, que é preciso incorporar á historia da pintura galega. Iso sería un exceso. Inflacionouse ou non se inflacionou Sonia? Tal se preguntaba esoutro día un na Baixa de Bragança. Quen? Frida Kahlo. En todo caso a abstracción soviética. Popova hombreiro con hombreiro con Malevich. O meu é Rodchenko. Pois eu sonche de Olga Rozanova.

Berta era, dixo, moito de Rozanova, que ten un cadro figurativo que non sei senón miraría Seoane. Podía ser de Seoane, o cadro de Rozanova. Berta naceu e criouse nas Travesas. Matrimonios novos colleran piso nos corenta e cincuenta do XX nas casas de Pernas.

Formouse nas Travesas unha sociedade culta e avanzada. No Buraquiño, no Gran Vía, discutíase. Pasa González Alegre. Pasa X.M. Álvarez Blázquez, pai de Berta. Poden verse baixar dos coches os arquitectos Fernando Gallego e Pérez Bellás. Están Caeiro, Rufo, Roberto Dopazo. Limés. As Travesas ou sexa o Vigo aberto e luminoso que continúa nunha Coia inda rústica. As Travesas tiñan un vento sorpresa que xogaba en González Sierra. Agora as Travesas perderon o nome. Nunca serán Praza de América. Xamais. O Instituto, o Feminino: Berta medra. E tamén Berta crece en sabedoría de tintas refreadas nos miraxes que a calor de xullo pode facer beillar nas Cíes. A casa dos veráns na area de Foz, Coruxo.

Os galeguistas tenden a Coruxo no verán, e mesmo fan festas de disfraces na de Patouro. Celso Emilio está alí. Remixio, Plácido Castro, os Álvarez Blázquez, Del Riego.

Berta, miniña, está alí e olla. Olla sempre. Constrúese quizais (penúltimo matiz, liquidar algo con augarrás, rascuñar cáseque nada) en Barcelona. Ela en Barcelona mira e procura.

E, hoxe, Berta Cáccamo é a tristura. Día do seu pasamento. A obra dela é maior. Ela morreu no medio do traballo e en plenitude das súas potencias: unha artista da xeración galega que non tivo que xusticar a abstracción para ser considerada galega.

A obra de Berta é unha viaxe á nudez que fala. A vibración do necesario ou o sol de xullo no lago de Rodas ou nos desertos do sal. Por veces, estes cegan. A cor négase a ela mesma. Dixo moi ben, de Berta Cáccamo, David Barro. Silencio.

Berta parte das Travesas á vida da memoria e aos sinais da luz e mancha que falarán calado sempre nos seus cadros. A Foz, Coruxo, Vigo e os seus lonxes. Todo se suspendeu fora do tempo ao sabermos da morte súa; coma no poema de Fermín Bouza Brei.

Compartir el artículo

stats