Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

arquitectura

Debate sobre o feísmo (e II)

Mentres enredamos nas cuestións menores da moda do "feísmo", que segundo parece son as que nos escandalizan, creamos unha cidade presidida polas medianeiras, indicadoras dun planeamento urbanístico eternamente inacabado que se multiplica incluso polas zonas patrimoniais da cidade. Pero parece ser que sólo é molesta unha casa sen rematar no rural, porque crea mal ambiente cando nos apetece pasear polo campo. Criticamos duramente as edificacións que deixan os piares apuntando cara o ceo por se un día deciden botarlle un piso máis a casa mentres convivimos coas devanditas medianeiras devanditas urbanas sen chistar. Arremetemos contra edificios que se afastan duns estreitos parámetros que outorgamos aos tradicionais porque, claro está, non son de pedra. Escoiten se non as opinións sobre o edificio racionalista da rúa do Paseo en Ourense, o fillo da Bauhaus que se ergue ao lado da escultura da Leiteira, ou sobre a Torre da mesma cidade.

Por motivos semellantes cargamos sen piedade contra o novo Edificio de Xulgados. Pero non escoitamos a ninguén falar do telón que lle sirve de escenario, as fachadas traseiras da rúa dos Remedios e a prolongación da tramoia pola rúa Francisco Lloréns, cuxa estética pon en evidencia a supremacía da construcción sobre a arquitectura. Esa aparencia non é exclusiva deste lugar, pero a súa situación fai que sexa moi visible para os que circunvalan a nosa cidade.

Este exemplo nos conduce a outros puntos de reflexión sobre o feo/bonito. Decátanse de que as críticas máis feroces recrudécense cando, ademais de utilizar materiais de construción "impuros" as creacións son deseños contemporáneas?. Válenos o exemplo que acabamos de ver. Pero non quero esquecer a feroz ofensiva por este mesmo motivo que vimos nos medios de comunicación contra a bodega Regina Viarum, na Ribeira Sacra, cando existen innumerables exemplos neste inmenso territorio para denunciar agresións á súa fermosa paisaxe.

Queremos tamén considerar outro elemento de distorsión que ten relación indirecta coa progresiva desaparición das sociedades tradicionais. É o uso illado e non consensuado nin integrado da propiedade, independentemente de que forme parte de un espazo máis amplo dotado de persoalidade propia, como pode ser un núcleo rural ou un conxunto histórico. Cando existe unha ruptura do volume e a escala da nova edificación con respecto ás que rodea -aínda que a nova sexa sexa de pedra e madeira- provocará indefectiblemente unha distorsión estética no conxunto.

Existen moitos máis temas de interese en relación con pretendido "feísmo". Deles, salientamos o da toponimia. A Galicia rural é unha paisaxe solidamente construída a través do tempo polos seus habitantes, unha terra fondamente humanizada, do que da fe, non só a intensa intervención -domesticación- do territorio, se non a aprehensión cultural dos lugares que pon en evidencia a nosa densísima e numerosa microtoponimia. É non é este un asunto menor, porque os topónimos galegos representan un terzo dos existentes en España, ocupando Galicia pouco máis do 16% da súa superficie.

Como vostedes saben perfectamente, cada esquina ten unha denominación e por tanto un significado que contribúe a comprender ese proceso de humanización. Sen embargo non faltan nomes de novas urbanizacións residenciais, algúns tan fóra de lugar como "Madrigal", por exemplo, denominacións cuxa única aportación ao territorio é o esquecemento do significado orixinal das topografías nas que se implantan.

Evidentemente non nos corresponde dar explicacións definitivas sobre o asunto do "feísmo", porque como viron, consideramos que os efectos, as cousas que se veñen incluíndo nesta idea teñen causas dispares. A nós ata nos costa crer que existe como tal, se ben é innegable que o que se nos ofrece é unha especie de moda que se empeña en ensinar o que algúns consideran explicitamente "feo", amosando irrisorios esperpentos que realmente están a ocultar, dende o noso punto de vista, unha falta de criterios racionais de utilización do territorio e a falta de formación sobre asuntos transcendentais para ordenar a nosa paisaxe eficazmente de cara a un futuro sen prexuízos e aprendendo das preexistencias de nos legou o pasado.

Compartir el artículo

stats