Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Imaxes e símbolos

Pídolle emprestadas as verbas a Mircea Eliade e conto o que ouvín decer en Pontevedra. Un xovencísimo e brillante Valentín Paz Andrade foi convidado a cear en Lardhy por Antonio Palacios. O arquitecto estaba chamado a ocupar o cumio da arquitectura española. El construía o Palacio (coma o seu apelido) de Comunicacións de Madrid e as súas obras da pomposidade e em conferian á paisaxe burguesa da costiña de Alcalá cando fai relanzo en Cibeles. O mozo Valentín propúxolle a Palacios unha trasgresión moi ousada. Pediulle que, dentro do escudo de España que estaba a deseñar para o Palacio de Comunicacións, se incluíse un cuartel co de Galicia. Tratábase de atentar contra o primeiro símbolo da patria española. Palacios seica riu moito e correu, como era uso na época, a champaña pola Carrera de San Jerónimo. E Palacios puxo o escudo de Galicia dentro do de España sobre a porta principal da casa de correos que é hoxe sede do concello de Madrid. Baixo tal ilegalidade pasaron os do Real Madrid cando foron encontrarse coa moi odiada alcaldesa Carmena. E repasaron os xugadores por baixo do escudo clandestino de Galicia cando se encamiñaron á Cibeles. A escultura da entidade mítica estaba cuberta con grandes panos ou teas nas que destacaba moi ben o escudo do Real Madrid, o equipo detestado polos siareiros tocados de nacionalismo galego. Máis claro ca nunca, máis intenso ca nunca, o fondo do escudo do Real Madrid locía no corazón da capital de España. No fondo do escudo do Real Madrid lucía a banda azul que vai dun cantón do chefe ao cantón contrario do extremo, sobre campo branco. No fondo do escudo do Real Madrid esplendía, nítida coma nunca, a bandeira de Galicia. A presencia do escudo galego no Palacio de Palacios, actual sede do concello de Madrid, está explicada por unha lenda urbana que circula desde hai moito en medios políticos e intelectuais de Galicia. Que esta anomalía heráldica é froito dunha conspiración tramada entre Paz Andrade e Palacios é cousa que comentada desde hai anos. Ben, pero até agora ninguén me soubo decer que é o que pinta a bandeira nacional de Galicia no escudo do Real Madrid. Algúns sosteñen que se trata en realidade do pendón de Castela, e que a cor é mourada e non azul. Pero esoutro día, na Cibeles e no centro do torbeliño do entusiasmo, a banda azul víase azul mar, como Castelao quería que fose a da nosa bandeira. Non sei se algún leitor poderá explicarnos isto.

Compartir el artículo

stats