Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Ollando a cruz do Castro

O 20 saíron os soldados a tambor batente polo centro de Vigo. Foi lendo o bando de guerra o capitán Carreró. Aquel 20 de xullo de 1936 dispararon na Porta do Sol sobre o pobo. As marcas das balas dos mausers están na Porta do Sol para quen as queira ver. Non hai alí ningunha placa para lembrar o acontecemento, coma os que se multiplican en París ou en Berlín. Desatouse a morte en Galicia, e non só. Dominados Lavadores, Ponteareas, Tui, todo foi horror en Turonio. Non mataron a cegas: elixiron as vítimas. Os fascistas concentraron a represión nos membros do Frente Popular. Felicito agora Evaristo Pereira polo seu debuxo no FARO. Con Goya ao fondo, están os fusilamentos de Pereiró; 1936. Houbo outros e outros. Galicia foi bañada en sangue.

O franquismo aniquilou en bloque os alcaldes e concelleiros do Frente Popular de Galicia que non conseguiron fuxir. En Vigo, onde escribo, fusilaron concelleiros e masas de boa xente. Tamén mataron o alcalde socialista (do Frente Popular) de Vigo García Garrido. Por parte, fusilaron o alcalde frente-populista de Lavadores, Xosé Antela Conde. O primeiro alcalde vigués da República, Enrique Blein Budiño, de Izquierda Republicana, desempeñaba a función de tenente de alcalde do Concello de Vigo en 1936. Fuxiu, estivo entobado. Parece que Enrique Blein foi morrer dun cancro galopante no Hospital Municipal de Vigo. Circulou a lenda de que o alcalde Blein, igual ca Amante Caride, de Lavadores, morreu envelenado.

Tres alcaldes de Vigo padeceron sofremento máximo en 1936. O actual alcalde socialista de Vigo négase a poñer inscripcións en lembranza da violencia onde fora o Frontón e o Niza, no museo que substituíu a prisión de Príncipe. Nesta cadea de Príncipe executouse xente a garrote vil con coñecemento de toda a poboación da cidade. O alcalde socialista actual négase a derrubar a cruz do Castro de Vigo que foi erixida á gloria eterna do fascismo que tanto matou naquel castelo. Naveguemos pola literatura e pola historiografía e polas fontes documentais e orais. Agosto do 36, os mortos daquel verán: por Fernández Ferreiro e Carlos Casares. Poemas e relatos. A cruz da ignominia segue en pé e é sostida en alto en peso polo alcalde actual de Vigo.

Castelao, n'A Nosa Terra de Buenos Aires, publicaba unha lista coas vítimas de 1936 en Galicia e outra lista cos nomes e apelidos dos asasinos, entre os cales algúns asasinos vigueses. E de mañán, que medo; zoa o canto de Xosé M. Álvarez Cáccamo. Os camiños da morte.

Compartir el artículo

stats