Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Profesora de Ciencias de la Comunicación de la UDC

Alguén non sabe o que é Pokémon Go?

Antes de que a aplicación estivese dispoñible no Estado español, xa moito tiñamos lido e escoitado sobre ela, do seu incrible número de descargas e das anécdotas xurdidas ao redor da utilización masiva do xogo, principalmente nos Estados Unidos. Escoitei por casualidade a noticia, xa hai case un mes, en "La ventana", programa radiofónico que se define como de actualidade, non de tecnoloxía. Isto é un claro exemplo de que os videoxogos están nun camiño de normalización dentro da industria cultural, onde o lanzamento dun novo título pode ser noticia, como o pode ser o novo filme de "Cazafantasmas". Calquera tema que os medios destacan e se convirte en moda vai ter o seu grupo de fans e os seus detractores, e aí están as redes sociais para amplificar o ruído de cada bando. Por iso, podemos ler que o novo xogo é o demo mesmo instalado no noso dispositivo, que nos vai facer perder a cabeza, e ao mesmo tempo escoitamos que a aplicación abre novas posibilidades aos videoxogos, unindo o mundo real e o virtual.

Que hai de certo en todo isto? Como sempre, todos teñen parte de razón, pero ninguén ten a verdade en exclusiva. Un xogo deseñado para xogar na rúa non pode dicirse que nos leve a escapar do mundo real. E en calquera caso, non é o que pretenden as historias que nos contamos, a través do cinema, os videoxogos ou da literatura? Non hai nada máis solitario que ler un libro, xa nos avisaron Cervantes e Flaubert dos seus perigos, e aínda así creamos planos de fomento da lectura. A min preocúpame máis a recolla de datos que pode facer a aplicación, xa que lle damos acceso á nosa localización é á nosa casa, pero iso é tema para outro debate, pola miña banda teño claro que Google sabe todo o que fago.

O xogo parte coa vantaxe de retomar a saga dos Pokémon, un xogo xaponés dos noventa que tivo un enorme éxito e creou toda unha serie de produtos relacionados: manga, anime, xoguetes... Pensade nas Bolas do dragón e teredes un bo exemplo do que pode significar para a rapazada que medrou arredor desas historias.

Pokémon Go actualiza o xogo, modernízao e adáptao a dispositivos móbiles. Emprega Google Maps para dispor ao azar os bichos que deben ser capturados e cando nos achegamos a un, activa a cámara do móbil para cazalo empregando realidade aumentada, o que fai que vexamos ao pokémon en cuestión diante de nós, a través da pantalla do dispositivo. A mecánica do xogo é sinxela, divertida e innovadora, se a isto lle sumamos os fans que xa tiña o xogo, o eco nos medios de comunicación e a gratuidade da aplicación, temos un produto de éxito asegurado.

Unha das súas características distintivas é que temos que saír da casa para cazar os bichos, o que quere dicir que as persoas que están xogando son visibles, andan polas rúas e organizan pokedadas. Aparece un Pokémon raro en Central Park ou no parque do Retiro e prodúcese unha aglomeración de xente disposta á caza que acaba sendo noticia nos xornais. Lembremos ademais que estamos en verán, o que nos permite disfrutar titulares como "As mellores praias para cazar Pokémon" ou "Pokémon Go, a nova arma de Clinton e Trump para captar votantes".

Unha das cousas que me marabilla da tecnoloxía son os usos inesperados que lle dan os usuarios e os efectos colaterais que poden aparecer asociados ás aplicacións. Un par de exemplos: un albergue en Indiana convida aos xogadores a pasear aos seus cans mentres buscan pokémons, e ao parecer está sendo todo un éxito. Se tanta xente está a xogar ao mesmo tempo, por que non aproveitar para buscar parella? Xa apareceu unha aplicación de citas para xogadores de Pokémon Go.

Pero non temos que esquecer que detrás de todo isto hai un modelo de negocio, e as pokeparadas patrocinadas son unha parte importante do modelo. Tanto é así que MacDonalds está negociando con Nintendo a inclusión no xogo dos seus establecementos.

Creo que esta febre desaparecerá axiña dos medios convencionais, que non dos especializados, e aínda que algúns fans do xogo non están moi convencidos coa aplicación, hai que ter en conta que é unha versión en desenvolvemento, que irá mellorando con novas actualizacións, polo que teremos pokémon para rato. Non esquezamos que algo semellante xa o vivimos con Angry Birds ou Candy Crush.

Compartir el artículo

stats