Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

A carga de ira de Ledicia Piñeiro

Era eu meniño e alguén maior, da miña familia, que me levaba pola ponte da Burga de Ourense, díxome sinalando un belo edificio de pedra: "É a praza de abastos mellor de Galicia; fíxoa o Manoliño".

Despois souben que aquel Manoliño era Manuel Suárez Castro, mestre de obras, socialista e alcalde de Ourense na Frente Popular. O alcalde Suárez foi sometido a consello de guerra fraudulento que, seguindo instruccións precisas do gobernador militar Soto, o condenou a morte.

Fusiláronno, supoño que no paredón de San Francisco, o 27 de xuño de 1937. O oficial e os soldados que formaban o pelotón de fusilamento desfilaron a tambor batente diante do cadáver de Manuel Suárez como era preceptivo.

Acordeime disto ao saber que, a petición das esquerdas, o Concello de Ourense acaba de lle retirar a Franco a medalla de ouro da cidade. No curso da discusión, un concelleiro da dereita xenealoxicamente franquista, acusou á defensora da ponencia, Ledicia Piñeiro, de facer un discurso "cargado de ira".

O salón de plenos da fermosa e venerábel Casa Consistorial de Ourense convida á evocación histórica. Seguramente Ledicia Piñeiro xirou a súa cabeza apenas 45 graos e imaxinou sentada no sillón presidencial a pantasma do Manoliño, ou sexa don Manuel Suárez Castro. Ao mellor viñeron, en tropel, á memoria dela os alcaldes galegos da Frente Popular que non poideron porse a salvo e foron fusilados polos militares de Franco en Galicia. Isto é, os alcaldes de Amoeiro, Arzúa, O Barco, Becerreá, Betanzos, Bueu, Cabanas, Cangas, O Carballiño, Castro de Rei, Cedeira, Cervo, A Coruña, Cuntis, A Estrada, Fene, Fisterra, Gomesende, A Guarda, Lavadores, Maañón, Marín, Moaña, Monfeiro, Mugardos, Paradela, Pobra do Brollón, Ribadavia, Sada, Santiago, Serantes, Silleda, Verín, Vigo, Vilamartín de Valdeorras, Vilaodriz-Pontenova, Viveiro. Ademáis do alcalde de Ourense.

En realidade, esta lista que está tomada do derradeiro libro de historia de Manuel Monge, editado por Laiovento, non é máis ca unha cativa amósega das matanzas ordenadas polo franquismo no conxunto de Galicia, e outros territorios do Estado. É moi comprensíbel que Ledicia Piñeiro falase con vehemencia! Parabéns ao Concello da miña cidade natal.

Compartir el artículo

stats